Skip to main content
Axenda CaducadaBurela

A casa da cultura de Burela acolle un documental sobre o traballo das mulleres caboverdianas

Por 16 Decembro, 2022Decembro 17th, 2022Sin comentarios

A casa da cultura de Burela acolle este domingo, día 18 de decembro, ás 18 horas, a estrea do documental Si ka badu, ka ta biradu (Se non marchas, non podes volver), nunha proxección con coloquio posterior que contará coa participación do equipo do filme e mais das súas protagonistas. O acceso será libre, grazas á colaboración do Concello de Burela, que cedeu o espazo gratuitamente.

O documental, que parte dunha investigación desenvolvida polo Equipo de Investigación Sociedades en Movemento (ESOMI) da UDC, retrata a importancia que ten o traballo das mulleres migrantes na supervivencia e no benestar das súas familias, na localidade galega de Burela e na illa caboverdiana de Santiago. Vémolas cociñar, limpar, atender maiores e crianzas tanto nas súas localidades de orixe como na sociedade de destino, a galega, e comprendemos o impacto que ten nas súas vidas a ausencia dos homes neses labores. Son elas tamén as que organizan o tráfico dos afectos, as chamadas, os envíos remesas e de encomendas. As que aforran para un futuro de ensoño no que poder descansar despois de tantos traballos. En Burela ou en Caboverde.

Funha e a súa filla Zuleika falan da dureza da súa vida na localidade costeira de Porto Rincao, onde máis da metade das fogares están encabezados por mulleres que sacan adiante as súas crianzas sen axuda dos pais. Da mesma localidade son Grazilinda e Ernestina, dúas irmás que traballaron -e traballan- moi duro a ambos os dous lados da corrente migratoria para sacar adiante as súas familias, sen axuda dos pais dos seus fillos. Ernestina conta os días, en Burela, que lle faltan para poder xubilarse e volver onda súa irmá.

Dezideria, que ten fillas e netas nacidas no noso país, coida en Burela de netos e bisnetos para que as súas nais poidan gañar a vida fóra da casa. Mentres, en Cabo Verde, a súa cuñada Quinta, cóntanos que renunciou á emigración polo deber de coidar dos seus sogros, pero que desexa que os seus fillos marchen a Europa, na busca dun futuro mellor.

Belita e a súa filla, Zuleika, póñelle cara á dor da separación entre nais e fillas, cando unha das dúas debe quedar atrás. E, tamén, retratan os coidados que atravesan as fronteiras na forma de chamadas, mensaxes e envíos -as encomendas- que viaxan dende Burela ataa casa familiar de Cidade Vella, onde Bentinha e Nila, as irmás de Belita, coidan da súa nai nonaxenaria, Joia, mentres, os seus fillos constrúen as súas propias vidas en Burela e Lisboa.

O documental permítenos, tamén, acompañar a unha das súas protagonistas, Ziza, no camiño de volta dende Burela ata Cabo Verde. Alí agárdana a luz e a calor, unha casa a medio construír, os bidóns cheos de obxectos que enviou e agora debe distribuír, as irmás que quedaron en Cabo Verde coidando dos seus maiores e a tumba do seu pai, que finou durante a pandemia. Con ela, comprendemos a dor irreparable que causa vivir dende a distancia a enfermidade e a morte dun ser querido.