Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca TERRACHÁXA

Presentan o proxecto para a mellora de marquesiñas de autobús na zona norte da provincia

Por 29 Decembro, 2022Sin comentarios

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, investirá 1,6 millóns de euros na mellora de 51 paradas de autobús situadas en estradas autonómicas na zona norte da provincia.

O Diario Oficial de Galicia publicou onte o anuncio polo que se somete a información pública, tamén a efectos expropiatorios, este proxecto, ao que as persoas que así o desexen poderán trasladar as súas achegas ata o 8 de febreiro.

A estrada LU-530 no cruce do Carqueixo, en Lugo, é un dos puntos onde se realizará unha das actuacións que forman parte deste Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paradas de autobús nas estradas autonómicas; neste caso, construiranse na zona de dominio público da vía os accesos de entrada e saía, que tamén posibilitarán o cambio de sentido, ademais de instalar unha marquesiña, sinalización e outros elementos.

Este proxecto de mellora da accesibilidade e conectividade das paradas de autobús inclúe 15 estradas que conectan polo norte coa cidade de Lugo, e discorren por dez concellos. En concreto, contempla a mellora de 30 paradas no municipio da capital, cinco en Xove, catro en Castro de Rei, dúas en Riotorto, Outeiro de Rei, O Vicedo, Cospeito e Begonte, e unha en Abadín e Meira respectivamente.

A documentación pode consultarse na sede central da Axencia Galega de Infraestruturas, no Servizo de Infraestruturas da Delegación Territorial de Lugo e nas casas consistoriais dos citados concellos.

Paralelamente, estase traballando no proxecto para acometer actuacións similares nas estradas autonómicas que enlazan coa capital de Lugo desde os municipios do sur da provincia.

A medida está financiada ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia da Unión Europea–Next Generation EU e enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente.

Principais actuacións

A iniciativa pretende dotar ás paradas de autobús de marquesiñas, postes, bancos ou o apoio isquiático. Pero, segundo afirmou Arias, “sendo importante o confort dos usuarios do transporte público, vai moito máis alá e incide directamente na accesibilidade e a seguridade”.

Deste xeito, realizaranse obras cando sexa preciso para facilitar as manobras dos autobuses e tratarase de favorecer a conectividade das paradas a través da execución de beirarrúas ou sendas peonís. Mellorarase a accesibilidade para peóns e persoas con mobilidade reducida, grazas a esa conexión das paradas cos itinerarios peonís, á execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento con podotáctil.

Así mesmo, reforzarase a seguridade das paradas, tamén con perspectiva de xénero, coa eliminación de vexetación, a mellora da visibilidade e iluminación na súa contorna; e actuarase sobre a información e a sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.