Skip to main content
Antas de Ulla

Os socialistas de Antas esixen ao alcalde a regularización das contas do Concello

Por 23 Decembro, 2022Sin comentarios

O Grupo Socialista de Antas de Ulla “urxe ao Alcalde e ao seu equipo de Goberno a elaborar o Orzamento do Concello para o ano 2023, o que permitirá concorrer ás subvencións e axudas públicas necesarias para o municipio”. Os socialistas explican neste sentido que Galicia “conta con normativa autonómica que impide o acceso a axudas e subvencións públicas se a entidade local non cumpre coa rendición de contas”.

Así as cousas, a voceira socialista de Antas, Pilar García Porto, avanzou que “defenderá unha moción na vindeira sesión plenaria coa que insta ao alcalde a presentar o Orzamento do ano 2023, e tamén, que convoque o Pleno para a súa aprobación inicial”. Manifesta que “ é de interese para o conxunto da veciñanza xa que a probación do orzamento permite: ingresar as aportacións e subvencións da Xunta e o Estado ademáis de tramitar expedientes e executar obras que doutro xeito poden verse condicionadas”.

Ao mesmo tempo, demanda que “continúe coa tramitación da Conta Xeral do ano 2021 para proceder a súa aprobación, aínda pendente a pesar de que venceron os prazos establecidos para elo”. García Porto lembra neste sentido que, tal e como sinala a normativa, “a rendición da Conta Xeral diante do Tribunal de Contas debe producirse antes do 15 de outubro de cada ano”. “No noso Concello xa pasaron os prazos estipulados por Lei, e o Alcalde segue sen convocar a Comisión Especial de Contas antes do 15 de maio, xa que se celebrou o 14 de outubro, e sen aprobar a Conta Xeral no Pleno, chegando ata a data actual de decembro sen tramitar a súa aprobación polo Pleno”.

“O Orzamento é o documento máis importante de cada concello. Por iso, non podemos deixar de lado e esquecido o documento base que debe servir de guión para impulsar as iniciativas do Concello. Antas de Ulla debe ter feito o Orzamento e tamén aprobada a Conta Xeral. Non podemos estar unha vez máis no vagón de cola pola deixadez e a falta de proxecto político do alcalde”, dixo a voceira socialista.

Pilar García Porto incide en que “urxe a súa aprobación para que entre en vigor no mes de xaneiro, xa que senón, empezaremos novamente o ano sen Orzamento. Unha irresponsabilidade política máis á que xa nos ten acostumado o alcalde, coa que demostran que non teñen nin un só proxecto de futuro para o noso concello”.

Os socialistas lembran ademais, no que se refire á Conta Xeral, que “este documento económico é necesario xa que amosa a realidade financeira do Concello. Concretamente, informa sobre os gastos, ingresos e beneficios ou perdas da entidade local durante o exercicio ao que se refire a Conta Xeral”. Explican que a Conta Xeral está integrada polas contas do propio Concello e as das entidades dependentes que “no caso de Antas de Ulla, a entidade dependente é a sociedade mercantil EPICA,S.L.U., coa partición única do Concello ao 100%”, indican.