Skip to main content
Ribas de Sil

As rutas fluviais pola Ribeira Sacra reciben a máxima puntuación por parte dos viaxeiros

Por 13 Decembro, 2022Decembro 14th, 2022Sin comentarios

Os catamaráns da Deputación de Lugo deron servizo a máis de 50.000 persoas

A tempada de rutas fluviales que comezou en marzo puxo punto final esta pasada fin de semana, despois de que 51.420 usuarios e usuarias desfrutaran das rutas fluviais polos Canóns do Sil e o río Miño a bordo dos catamaráns postos en servizo pola Deputación de Lugo.

Esta é unha forma de coñecer a Ribeira Sacra desde un punto de vista diferente, xa que é un enclave natural declarado Reserva da Biosfera pola Unesco. En concreto, na ruta do Canón do Sil, que parte do embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, rexistráronse un total de 39.929 persoas, e na do Cabo do Mundo, con saída de Santo Estevo en Belesar, foron 11.491 viaxeiros.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, foi a encargada de informar sobre estas cifras, que confirman un novo éxito do servizo provincial. “Son datos moi bos que afianzan o modelo de turismo polo que apostamos dende a institución, un turismo de calidade, proximidade e non masificado capaz de atraer visitantes durante todo o ano”, defendeu.

Viaxeiros moi satisfeitos

A maioría dos viaxeiros foron pequenos grupos de familias ou amigos, así como viaxeiros galegos e doutras comunidades autónomas que se achegan á Ribeira Sacra para coñecer a comarca e o que esta ofrece. “Estamos notando unha tendencia á alza deste perfil de pasaxeiros, que veñen especialmente nun 98% de toda España, e da comunidade galega, pero tamén estamos a rexistrar un repunte de pasaxeiros internacionais”, subliñou García Porto.

Os participantes valoraron moi positivamente a calidade do servizo, que segundo os resultados obtidos dunha mostra de 1.520 enquisas realizadas online, este recibiu a máxima puntuación acadando os 4 puntos. “Os resultados son moi favorables”, explicou García Porto, e “están a supoñer un importante “polo de atracción turística da provincia de Lugo, especialmente para a Ribeira Sacra”.

Os viaxeiros destacaron, entre outros aspectos, a atención telefónica do persoal na central de reservas, e no mostrador das oficinas de información, así como a calidade da información recibida a bordo das embarcacións. Tamén valoraron a limpeza dos barcos, ou o estado e a contorna dos embarcadoiros que xestiona a institución provincial.

As rutas fluviais son unha importante atracción turística

Os datos avalan, explicou Porto, que as rutas en catamarán da Deputación “foron a principal actividade para preto do 42% dos participantes durante o seu paso polo territorio”. Outro indicativo importante é o feito de que “case o 80% dos usuarios visitaron por primeira vez a Ribeira Sacra na súa viaxe, mentres que máis do 25% repetía experiencia”, destacou García Porto.

Unhas cifras que demostran, por tanto, que “as rutas fluviais que ofrece a institución provincial están a ser ano tras ano un motor moi importante de atracción turística para a provincia de Lugo, especialmente para a Ribeira Sacra, en tanto que xeran un efecto multiplicador en termos de pernoitas e de consumo, contribuíndo así de maneira directa á dinamización económica, da hostalería, do turismo e do comercio.