Skip to main content
Láncara

Entrevista: “Podemos garantir unha atención e un servizo personalizado e próximo para cada un dos nosos pacientes”

Por 8 Decembro, 2022Decembro 9th, 2022Sin comentarios

Falamos con Maite López Alonso, podóloga e propietaria da clínica de podoloxía que leva o seu nome na rúa Rosalía de Castro, na Pobra de San Xiao, en Láncara.

Canto tempo leva a clínica de podoloxía en Láncara? Cóntenos como son as instalacións

A clínica inaugurouse no ano 2008 na Pobra de San Xiao, lugar de orixe de miña nai e meu pai. Antes disto, dedicárame ó exercicio doutras disciplinas sanitarias na Universidade de Vigo como Anatomía Patolóxica e Forense, Análise clínica e Microscopia electrónica. Realicei os meus estudos de Podoloxía na Universidade da Coruña e de Enfermaría na Universidade de Santiago de Compostela; especialiceime, máis tarde, en Anatomía e Ortopedia do membro inferior na Universidade Complutense de Madrid e en Cirurxía na New York Scholl College of Podiatric Medicine, en Nova York.

A clínica está situada fronte ó Centro de saúde de Láncara, na rúa de Rosalía de Castro. Conta cun amplo espazo para estacionar, o que facilita o acceso a persoas dependentes. A gran superficie que conforman o espazo de atención ó público e o espazo de exploracións biomecánicas permite traballar nun local cómodo, amplo e moi tranquilo tanto para nós como para as e os pacientes.

Con cantos traballadores conta na actualidade?

Actualmente, conto coa imprescindible axuda da miña compañeira Ana Sánchez Gómez quen se encarga, principalmente, do traballo administrativo, da atención público e da xestión das citas. Unhas tarefas profesionais que, por unha banda serven para establecer os primeiros vínculos coas e cos pacientes e, por outra, permiten que a atención podolóxica ulterior e o seu seguimento sexan máis completas, individualizadas e especializadas.

Que tratamentos ofrecen ós seus clientes? Cóntenos un pouco acerca dos mesmos

Os nosos pés encárganse de aguantar o noso peso corporal e de nos proporcionar apoio e equilibrio. Unha pisada incorrecta podería desembocar noutros problemas non só do pé, senón que podería afectar outras estruturas como o nocello, o xeonllo, as cadeiras e a columna vertebral. Isto é algo que acontece acotío na poboación.

Estamos especializadas en Podoloxía deportiva e, actualmente, colaboro como podóloga co equipo da ACB Río Breogán. Ademais disto, somos especialistas en Podoloxía infantil, Pé diabético, Quirocirurxía (uñas encarnadas, papiloma, durezas…), Ortonixia (reorientación e corrección da uña encarnada) e na fabricación de órteses plantares a medida e personalizadas, mediante sistemas 3D, para tratarmos patoloxías derivadas da propia actividade diaria, deportiva ou laboral, que abranguen lesións musculares ou tendinosas, por exemplo.

Adoita dicirse que os pés son os grandes esquecidos do corpo e, precisamente, por este motivo adoitan ser os grandes descoidados.

Con cantos clientes contan na actualidade? Hai un prototipo de cliente fixo ou acoden á clínica pacientes de tódalas idades?

Dende a inauguración da clínica, o número de pacientes foi incrementando ata conseguir un fluxo constante e fiel que se despraza de distintos lugares da xeografía galega e asturiana. Algunhas persoas acoden regularmente á clínica dende hai 15 anos. Así e todo, máis que o número de pacientes, valoramos a súa fidelidade e a súa confianza nos nosos servizos. Procuramos sempre limitar o número de pacientes por día para manter os estándares de calidade e o trato personalizado que merecen e facer cumprir o código deontolóxico da nosa profesión.

Cales son as épocas de máis traballo nunca clínica de podoloxía?

O traballo é constante na clínica ó longo do ano. Tal vez haxa algunha oscilación lixeira nas épocas estivais.

Que nos pode contar acerca das afeccións máis comúns nos clientes? E cales son as menos tratadas?

As patoloxías máis comúns que tratamos son as infeccións por fungos, as onicocritoses ou as uñas encarnadas, as durezas, os helomas, as metatarsalxias ou a hiperhidrose, mais tamén os estudos especializados da pisada e a fabricación de órteses plantares mediante o sistema 3D teñen unha relevancia cuantitativa e cualitativa iguais ou meirandes na nosa clínica.

Como están a combater a suba de prezos? Realizan descontos e promocións para os clientes?

Procuramos non repercutir as subas de custos nas nosas e nos nosos pacientes. Debido a isto, asumimos en boa parte ese aumento porque entendemos que, na medida do posible, todas e todos debemos contribuír como poidamos en tempos difíciles coma estes.

Con respecto ó traballo como podóloga, dende sempre quixo exercer como tal? Que dificultades implica o seu traballo?

Dende cativa amosei un espírito vocacional orientado cara á rama da medicina. O motivo polo que me decantei por esta especialidade foron as miñas experiencias con podólogos na miña nenez. Cando precisei empregar elementos ortopédicos para a corrección dos meus pés plano-valgo flexible e, posteriormente, xa na adolescencia, intervir cirurxicamente as miñas uñas encarnadas, tomei consciencia nesa etapa da importancia dunha profesión que a sociedade demanda pero que a Administración non inclúe no sistema sanitario público. Optei por exercer esta profesión porque me permitía ter e empregar todas as competencias para realizar diagnósticos e tratamentos en tódalas vertentes de forma autónoma. Iso si, cunha boa e continua formación e especialización e, polo momento, nunha consulta privada.

Que cre que lle falta á súa profesión?

Quizais unha maior visibilidade e recoñecemento social. Ata hai uns anos, a poboación acudía ás clínicas de podoloxía cando aparecía algún tipo de problema nos pés. Actualmente, hai algo máis de información canto á prevención e é cada vez máis frecuente que o resto de profesionais da saúde (o corpo médico e de enfermaría, fisioterapeutas, mesmo o corpo de odontoloxía ou de óptica e optometristas) nos remitan pacientes cando lles detectan algún problema relacionado co noso ámbito nas súas consultas, sobre todo aqueles relacionados coa posturoloxía.

Que diferencia a esta clínica de podoloxía doutras da contorna?

A nosa clínica ten por bandeira a formación e a especialización constantes. Ademais de estarmos á vangarda na formación e especialización, tamén o estamos no emprego das tecnoloxías. Deste xeito podemos garantir unha atención e un servizo máis personalizados, próximos e integrais para cada unha e cada un dos nosos pacientes. É un xeito de poder involucrarnos con honestidade e seguridade no  diagnóstico, tratamento, avaliación e seguimento de calquera cuestión que estea relacionada cos pés ata acadar a completa satisfacción de cada unha e cada un dos pacientes.