Skip to main content

Por Rebeca Maseda

Todas e todos podemos sufrir nalgún momento das nosas vidas este mal tan estendido. Vivimos nun mundo no que as noticias teñen data de caducidade a 24 horas vista, todo acontece moi axiña e ata a maior das catástrofes debemos vivila, sufrila – ou non – e procesala nun abrir e pechar de ollos. Non vaia ser o demo que nos dea por reflexionar…

Hai uns días, exactamente o 19 de novembro, cumpríanse 20 anos do afundimento do “Prestige” fronte á costa galega. Este buque petroleiro construído en Xapón, pero propiedade dunha empresa de Liberia, pero explotado por unha navieira de Grecia, pero rexistrado por unha sociedade de Estados Unidos, pero asegurado por unha compañía de Reino Unido, pero con bandeira de Bahamas, pero… Ben, agora que xa demos unha pequena volta ao mundo sen poder entender moito, volvamos ao asunto. Este barco transportaba unhas 77.000 toneladas de fuel óleo propiedade dunha compañía rusa baseada en Suíza. Si, todo moi internacional excepto polas consecuencias da catástrofe, esas quedaron “na casiña” e deron lugar a unha marea negra de proporcións astronómicas.

Con motivo do aniversario da traxedia, algúns medios de comunicación ofreceron programación especial de interese público. Concretamente gustaríame nomear dous programas que me mantiveron pegadiña á pantalla como había tempo que non me acontecía: “Salvados” de La Sexta con Gonzo e “La noche en 24 horas” de RTVE con Xabier Fortes. O primeiro deles é xa un referente xornalístico polo rigor e compromiso informativo nas súas investigacións. Como era de esperar, este programa especial organizado en dous capítulos, non defraudou nin o máis mínimo. Protagonistas de primeira man pertencentes a diferentes ámbitos – prensa, política (por suposto só uns poucos dispostos a dar a cara), cultura, etc. -, unha realización marabillosa, fotografía de alto nivel; en resumo, un traballo profesional realmente excelente. O segundo programa – liderado polo xornalista pontevedrés Xabier Fortes – contou coa presenza do tamén xornalista e escritor Manuel Rivas (A Coruña, 1957), quen se involucrou dun xeito moi activo na creación da plataforma cidadá “Nunca Máis”.

Ademais do traballo realizado polos medios de comunicación, quixera mencionar outra acción contra a desmemoria que me impactou profundamente, a obra de teatro “N.E.V.E.R.M.O.R.E.” da compañía “Chévere”: “N.E.V.E.R.M.O.R.E. é a resposta indescifrable que o corvo do poema de Poe dá unha e outra vez ás preguntas dun home que perdeu o que máis quería. N.E.V.E.R.M.O.R.E. podería ser un S.O.S. emitido á desesperada no código internacional de sinais marítimos. Ou o acrónimo dunha gran corporación que sabe que hai sitios con xente que se poden sacrificar para que todo siga funcionando como ata agora. Para nós N.E.V.E.R.M.O.R.E. é unha forma de acudir á memoria colectiva dun deses pobos que se poden borrar do mapa sen que pase nada. Un pobo que, así e todo, en decembro de 2002 fixo seu o berro do corvo e non se deixou convencer polas mentiras daqueles que aseguraban que todo volvería ser coma antes. Contar esta historia é tamén un conxuro para desfacer o feitizo que sigue rodeando a catástrofe do Prestige, convertida nunha metáfora estrañamente perfecta desa cultura do petróleo que nos impide ver que hai máis alá da catástrofe, coma se non puidésemos habitar outro lugar que non sexa ese. Coma se non fose posible encontrar un rinoceronte gris dentro dunha caixa negra.”

Non se pode explicar mellor, simplemente dicir que me chamo Rebeca Maseda, son de Mondoñedo e intento loitar contra a miña propia desmemoria. Tiña 15 anos cando o “Prestige” afundiu a uns 250 km da costa de Fisterra e estiven aquel 22 de xaneiro de 2003 na cadea humana entre Malpica e Laxe.

Que as cicatrices non formen parte do esquecemento.