Skip to main content
As Pontes

As Pontes recupera chan industrial nos polígonos de Penapurreira e Os Airíos

Por 20 Decembro, 2022Sin comentarios

O Concello das Pontes aprobou a semana pasada, de xeito definitivo, en sesión plenaria a modificación puntual das normas urbanísticas que permiten recalificar as parcelas dispostas, ata o momento, como parcelas de equipamento nos polígonos de Penapurreira e Os Airios.

A través desta modificación cambiarase a cualificación das parcelas de equipamento público existentes, tanto no parque empresarial de Penapurreira como no parque empresarial dos Airíos pasando a ser chan industrial.

Esta modificación é posible tras a solicitude feita polo Concello das Pontes á Xunta de Galicia na que se expuxo, de forma detallada, que non eran necesarias ditas dotacións fronte a necesidade de chan industrial e así, desde esta semana, un total de 40.201 metros cadrados, repartidos en oito parcelas modificarán a súa calificación para pasar a ser industriais.

Ana Pena, concelleira de Industria, sinala que se optou por realizar esta modificación debido “que se estaba perdendo unha oportunidade no aproveitamento de varias parcelas que, aínda que, por requisitos legais tiñan que ser catalogadas como equipamento, non eran necesarias nin ían ser utilizadas nunca para tal finalidade, habida conta de que, tal e como se xustificou ante a Xunta, As Pontes dispón de equipamentos máis que suficientes no casco urbano”.

A concelleira de Industria engadiu que “no noso concello hai moitos proxectos industriais que se queren establecer nestes polígonos e existen parcelas de equipamento desocupadas. Entendemos que é de interese xeral transformar a calificación desas parcelas para que poidan ser ocupadas por ditos proxectos industriais”.

“A intención é, sen dúbida poder ofrecer un uso produtivo a esas parcelas inutilizadas ata o momento. A partir de agora poderán albergar actividade e cubrir, aínda que sexa nun pequeno espazo, a necesidade de chan industrial libre que vimos demandando, desde fai varios anos desde o Concello das Pontes” subliñou Ana Pena.