Skip to main content
Deportes TERRACHÁXAVilalba

Uns 50 loitadores participaron en Vilalba nas xornadas internacionais

Por 18 Decembro, 2022Decembro 19th, 2022Sin comentarios

Vilalba acolleu a celebración das  XV Xornadas Internacionais de loitas olímpicas cun gran éxito de público. Nesta edición contaron coas loitadoras galegas da Selección Española Lydia Pérez (Pontevedra) e Nerea Pampín (Vila de Cruces) que fixeron un alto na súa preparación para achegarse a facer un adestramentos cos nenos e coas nenas do club vilalbés.

Lydia e Nerea acaban de chegar de Italia onde permaneceron concentradas nestas últimas semanas e nuns días regresarán á Francia para concentrarse coa selección española previa a súa participación no Internacional Henry Deglane de Niza (Francia) e logo os Ranking Series de Zagreb (Croacia) de federación internacional, nos que se enfrontarán as mellores loitadoras do ranking mundial.

Antes de continuar coa súa preparación no CGTD de Pontevedra da man do vilalbés Marcos Miragaya, achegáronse a compartir experiencias cos equipos de benxamíns e alevíns do club de loita de Vilalba. Ao redor de 50 loitadores e loitadoras vilalbesas das categorías inferiores puideron aprender novas técnicas e os movementos preferidos das loitaras galegas.

Pola mañá, Lydia e Nerea participaron nunhas sesións de educación física no CEIP Insua Bermúdez de Vilalba no que varios grupos achegáronse a coñecer este deporte.

Esta edición das Xorandas Internacionais patrocinadas pola Deputación de Lugo, que en pasadas edicións contaron con campións mundiais e medallistas olímpicos,  contaron por primeira vez coa presenza de loitadoras como convidadas, o que reflexa o auxe da loita feminina que está a vivenciar este deporte en España e a nivel internacional.