Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Aumentan o persoal do SAF en varios concellos da provincia

Por 2 Xaneiro, 2023Sin comentarios

A Consellería de Política Social e Xuventude concede aos concellos da provincia de Lugo 2.655.900 euros en axudas para que financien os servizos sociais municipais. Estas achegas económicas fíxanse a través do Plan Concertado do ano 2022 e están dirixidas á contratación de persoal, ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico e á posta en marcha de programas de inclusión.

A partida máis importante do Plan Concertado, case 2,2 millóns de euros, destínase ao cofinanciamento de 132 traballadores sociais, educadores sociais, auxiliares administrativos e outras categorías que forman parte do persoal dos servizos sociais comunitarios de todos os Concellos lucenses. Este montante supón un incremento de 100.900 euros con respecto ao destinado para este fin no anterior plan e permite contratar unha persoa máis nos municipios de Bóveda, Pol, A Pontenova, Trabada e Sober, e dúas no de Lugo.

Así mesmo, o Plan Concertado serve para a apoiar ás Corporacións municipais no desenvolvemento de programas de inclusión e o mantemento de centros de emerxencia social, para o que se reservan 371.000 euros.

Este importe repartiuse nun total de 45 programas que se puxeron en marcha en 33 concellos; as actuacións dan prioridade ás axudas de emerxencia social, a programas de educación e apoio familiar e a iniciativas destinadas a persoas sen fogar e a persoas especialmente vulnerables.

Ademais, a través deste plan a Xunta renova o seu financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico no concello de Lugo, ao que destina 91.500 euros. En total, o municipio da capital recibe 520.500 euros para diversos programas e para manter 21 postos de traballo nos servizos sociais.