Skip to main content
Lugo

O BNG reúnese con Cogami para analizar as necesidades de accesibilidade da cidade

Por 15 Xaneiro, 2023Sin comentarios

O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, xunto co concelleiro Alexandre Penas e o responsábel local do BNG en Lugo, Felipe Rivas mantiveron unha xuntanza xunto con integrantes de COGAMI para analizar as necesidades da cidade en canto a accesibilidade.

Arroxo explicou que “nos últimos anos, desde as áreas de goberno xestionadas polo BNG traballamos para construír unha cidade amable coas persoas baseada nunha mobilidade alternativa que permita ás veciñas e veciños deixar o coche na casa”.

Arroxo afirmou que “no proceso de cambio polo que pasou a cidade nestes anos, é preciso facilitar ao máximo a accesibilidade a todas as persoas con problemas de mobilidade”, e engadiu “é necesario continuar a traballar por un concello inclusivo, no que todas as persoas teñan unha vida o máis normal posible, independentemente das súas capacidades físicas”.

Os concelleiros escoitaron as necesidades que desde COGAMI se trasladaron para mellorar a accesibilidade en Lugo, e puxeron en común os avances que deu Lugo en canto a accesibilidade nos últimos anos. “Na planificación da cidade sempre temos en conta cuestións importantes para toda a veciñanza de Lugo, entre estas cuestións destacan a accesibilidade e a perspectiva de xénero para facer de Lugo un lugar amable e accesible”, explicou Rubén Arroxo.