Skip to main content
Sarria

As melloras levadas a cabo no polígono do Morelle foron motivo de visita

Por 17 Xaneiro, 2023Xaneiro 18th, 2023Sin comentarios

Os concelleiros de Sarria Félix Seijas e Reyes Abella acompañaron onte ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, na visita ao polígono do Morelle para supervisar as melloras realizadas nalgúns viais do parque empresarial a petición do goberno local cun investimento de 150.000 euros.

Ademais do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, tamén o delegado territorial  da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, visitou o polígono do Morelle en Sarria, onde mantiveron un encontro con empresarios da zona.

No transcurso da visita, os edís sarriaos adiantáronlle ao conselleiro que o Concello de Sarria está a tramitar a solicitude dunha nova subvención para o asfaltado en quente das rúas do polígono e a adaptación das marcas viais, así como a pretensión de instalar dúas cámaras de tráfico para incrementar a seguridade na zona.

Mentres, o responsable de Economía, Industria e Innovación puxo en valor a  colaboración institucional para captar novos investimentos cara ao tecido industrial galego.

Axudas da Xunta para mellorar parques empresariais

A Xunta destina este ano 5,6 millóns de euros en axudas para a mellora e modernización dos parques empresariais, e dentro destes apoios, ata o 2 de febreiro está  aberto o prazo de presentación de solicitudes da convocatoria para a mellora de  infraestruturas dos parques empresariais galegos, á que a Administración autonómica destina un total de 2,1 millóns de euros.

Esta liña ten como obxectivo dar resposta ás novas  necesidades que teñen estas instalacións co obxectivo de modernizalas e ofrecer un  mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías, así como promover  o emprego local.

Os apoios son de concorrencia competitiva e están dirixidos aos concellos galegos que queiran realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, instalación de sistemas de seguridade, contra incendios e contra o roubo de cable, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.

As axudas teñen unha intensidade do 80% ata un límite máximo de 120.000 euros no caso  de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas. Prevense, ademais, anticipos de ata o 25% da axuda concedida. E na selección de proxectos teranse en conta criterios como se é Concello Emprendedor.