Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Isabel Rodríguez destaca o impacto do Plan de Recuperación do Goberno na provincia

Por 22 Febreiro, 2023Sin comentarios

A subdelegada informou de que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital avanza no obxectivo de proporcionar conectividade ao rural da provincia coa primeira convocatoria de axudas do Programa UNICO, cun achega de 10,2M€ para financiar proxectos en 64 municipios.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou hoxe o impacto do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno na provincia cun investimento de 22,5 millóns de euros, a través do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (UNICO), para dotar de extensión de banda ancha ultrarrápida a 84.500 vivendas e empresas dos 67 concellos da provincia, “co obxectivo de conectar a Lugo co mundo como medio para fixar poboación, a creación e mantemento do postos de traballo e o avance fronte ao reto demográfico”.

Isabel Rodríguez reuniuse esta mañá na Subdelegación coas responsables de Telefónica en Galicia, Paula Rodríguez e Patricia Rodiño, para coñecer a marcha dos traballos que desenvolve esta empresa para o despregamento da fibra óptica na provincia de Lugo con cargo a este plan estatal.

A subdelegada informou de que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital avanza no obxectivo de proporcionar conectividade ao rural da provincia coa primeira convocatoria de axudas do Programa UNICO-Banda Ancha, adxudicada a Telefónica, que dedica 10,2 millóns de euros para financiar proxectos en 64 concellos da provincia de Lugo. A esta cantidade hai que sumar outros 12,3 millóns da segunda liña do programa UNICO-Banda Ancha, adxudicada na provincia de Lugo á empresa Adamo Telecom, coa que desenvolverá actuacións que beneficiarán aos 67 municipios lucenses.

Coa primeira convocatoria deste programa, a empresa Telefónica xa fixo todos os traballos de enxeñaría e deseño, e agora mesmo está a executar a fibra óptica nos concellos da provincia para chegar a máis de 10.300 zonas, onde se localizan 45.500 vivendas e empresas. “Con estas novas implantacións na provincia, vaise completando a universalización do acceso ás telecomunicacións de nova xeración en todo o territorio”, remarcou Isabel Rodríguez quen engadiu que este Plan “é tamén un exemplo de colaboración entre o sector público e o privado, xa que a execución dos proxectos realízana empresas do sector das telecomunicacións”.

A subdelegada lembrou que este programa de axudas parte da aposta do Goberno de Pedro Sánchez por levar a banda ancha a toda a provincia. “Imos chegar a máis de 25.000 zonas sen cobertura dos 67 concellos da provincia para que os veciños e veciñas conten cun servizo fundamental”, subliñou Isabel Rodríguez. Ademais, puxo en valor esta iniciativa estatal “que responde a unha demanda da cidadanía, sobre todo da xente que vive no rural, á que garantimos conexión a Internet de alta velocidade, dentro da liña de traballo do Goberno de loitar contra o despoboamento”.

Deste xeito, as dúas convocatorias do Programa UNICO permitirá, con fondos do Plan de Recuperación, a dotación de banda ancha de polo menos 100 megas a practicamente todo o territorio. O obxectivo é que en 2025, ano en que finaliza o Plan, o 100% dos municipios, non só da provincia, senón de toda Galicia, dispoñan de conexión de banda ancha.