Skip to main content
As NogaisCervantes

Cervantes e As Nogais contarán con conexión de alta velocidade

Por 1 Febreiro, 2023Febreiro 3rd, 2023Sin comentarios

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou hoxe a aposta do Goberno Central para garantir o 100% de cobertura de acceso a internet de alta velocidade na provincia de Lugo. Isabel Rodríguez desprazouse esta mañá ata a Montaña lucense onde visitou os concellos de Cervantes e As Nogais, presentes nas dúas convocatorias do Programa UNICO-Banda Ancha, que desenvolve o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital con 22,5 millóns do Plan de Recuperación para a provincia de Lugo, achegando conexión de banda ancha con velocidade ultrarrápida a 1.300 familias e empresas dos dous municipios lucenses.

En ambas localidades, a subdelegada reuniuse cos seus alcaldes, Benigno Rivera e Jesús Núñez, para informarlles, ademais, sobre os programas dispoñibles do Goberno en materia de vivenda, transición ecolóxica e administración pública, e coñecer, ao mesmo tempo, as súas demandas e inquedanzas.

“Co Programa UNICO-Banda Ancha o Goberno quere atallar a fenda dixital que afecta, sobre todo, ao medio rural, e así loitar contra o despoboamento dos municipios, facilitando o acceso á banda ancha de internet aos veciños e veciñas que viven en Concellos como os de Cervantes e As Nogais, con moita dispersión poboacional e numerosos núcleos rurais”, incidiu Isabel Rodríguez.

No caso da provincia de Lugo, ao igual que Galicia, os fogares e empresas beneficiados desta iniciativa atópanse en ‘zonas brancas’, aquelas que non dispoñen de cobertura de redes de velocidade de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación nos próximos tres anos. “Con este plan asegurámonos de que Cervantes e As Nogais contarán con conectividade de máis de 300 megas na practica totalidade do territorio, en 533 zonas que a día de hoxe non dispoñen deste tipo de cobertura, fundamental no mundo actual”, manifestou Isabel Rodríguez.

Concretamente, no Concello de Cervantes, o Programa UNICO dixitalizará 264 zonas onde actualmente non existe este tipo de conexión e onde se localizan 663 familias e empresas. Nas Nogais, executaranse 279 proxectos de conexión para levar este servizo a 610 vivendas e empresas deste Concello.

“Para garantir a supervivencia dos municipios máis pequenos e loitar contra o despoboamento dende as administracións temos que comprometernos coa conectividade dixital e o acceso a internet de alta velocidade en todo o territorio” resaltou a subdelegada. Nesta liña, lembrou que entre as dúas convocatorias deste Plan, o Goberno de Pedro Sánchez levará a tecnoloxía de conexión de alta velocidade a máis de 32.700 vivendas e empresas da provincia.

UNICO-Banda Ancha diríxese a dotar dunha taxa de cobertura de moi altas capacidades ao 100% da poboación española en 2025. Unha vez se executen os proxectos beneficiarios xa postos en marcha, a taxa de cobertura alcanzará o 95% de todo o territorio nacional.