Skip to main content
Cervantes

Cervantes reivindica o potencial do rural coa cuarta edición da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña

Por 16 Abril, 2024Sin comentarios

San Román de Cervantes celebra a cuarta edición da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña o vindeiro 11 de maio. A institución provincial aporta 6.000 euros ao colectivo para impulsar un ano máis a celebración desta feira, que apoian dende o 2019, “ano no que se retomou unha tradición que deixara de celebrarse en 1985, co obxectivo de reivindicar o potencial do noso rural, do sector primario, e a importancia de preservar este tipo de tradición que manteñen vivas as nosas costumes e a nosa identidade cultural”, sinalou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

Trátase dunha festiva “na que se involucran todos os veciños e veciñas dos Ancares para festexar como se facía 40 anos atrás, revivindo as feiras que existían nesta zona da Montaña como a de Seixas ou a de Quindous”. A feira constitúe tamén un importante punto de encontro para os produtores “ao proporcionar maior visibilidade ao sector agrogandeiro e permitir o intercambio de experiencias entre eles, o que implica un retorno económico significativo no municipio e toda a Montaña”, destacou Pablo Rivera, quen animou a todos os lucenses e as persoas que visitan a provincia a que se acheguen á localidade.

Nesta cuarta edición, o colectivo organizador prevé superar os 200 animais do pasado ano entre gando vacún, equino, ovino e caprino, procedente de ganderías da Fonsagrada, Castroverde, As Nogais, Becerreá, Navia de Suarna, Cervantes, e incluso de Asturias. O prazo para inscribir os animais estará aberto do 17 de abril ao 5 de maio, ambos incluídos. Os interesados poden facelo chamando aos seguintes números de teléfono 636 280 102 e 690 265 895.

A Asociación Territorio Verde co apoio do Concello recuperou no ano 2019 esta tradicional feira co obxectivo de poñer en valor a actividade gandeira e enxalzar o espírito das feiras de hai 40 anos que se celebraban ao aire libre e eran o principal punto de venda de gando na Montaña lucense. A feira comezará ás 8 da mañá coa recepción do gando. Ao longo do día haberá subasta de xovencas, entrega de numerosos premios aos mellores exemplares, sorteos e inchables para nenos e nenas. A xornada estará amenizada pola mañá polos grupos de música tradicional Os Xardois e Os Gaioleiros, e pola tarde, coa actuación de Tania e o seu acordeón.