Skip to main content
Lugo

O Vello Cárcere acolle unha exposición con pezas elaboradas por internos de Bonxe

Por 2 Febreiro, 2023Febreiro 3rd, 2023Sin comentarios

O Vello Cárcere acolle a exposición Labrando o futuro, que estará dispoñible ata o 12 de febreiro e que conta con mobiliario de madeira e pezas de cerámica elaboradas polas persoas internas no C.P. de Bonxe. Labrando o futuro expón diferentes traballos realizados no Taller do Ciclo Formativo de Grao Medio de Formación Profesional de Madeira e Moble e no Curso de Reprodución de Moldes e Pezas de Cerámica que teñen lugar no centro de Bonxe. Entre as obras destacan cadeiras, mesas, espellos e xoieiros de madeira, ademais de obras de cerámica como hórreos e meninas.

Na inauguración a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, puxo en valor os talleres e cursos que desenvolve Institucións penitenciarias nos centros da provincia “impulsando a reeducación da poboación penitenciaria e formándoa en oficios tradicionais, para logo reinserir a estas persoas na sociedade a través de traballos dignos”. Nesta inauguración tamén participaron a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, e o director do centro penitenciario, José Manuel Pernás; así como os monitores que imparten as formacións.

“O resultado destes talleres é admirable, pois amosa o esforzo e talento das persoas que participan nestas programacións” destacou a subdelegada quen avanzou o compromiso do Goberno de continuar con este tipo de actividades que supoñen “unha fiestra ao mundo” para os internos. Ao mesmo tempo, agradeceu a colaboración do Concello de Lugo por acoller esta mostra no Vello Cárcere, “un espazo que reflicte á perfección esa transformación que están a facer os autores e autoras da exposición nas súas vidas para acadar a integración plena no mundo actual”.

Durante o acto, Isabel Rodríguez agradeceu o desempeño e implicación dos funcionarios de prisións en adaptar a intervención nas prisións aos perfís que reclama o mercado laboral, así como aos profesionais que imparten as formacións, e convidou aos veciños e veciñas de Lugo a visitar a mostra para ser testemuña “dun proxecto que serve de estímulo para seguir traballando na educación, formación e reinserción das persoas internas”.