Skip to main content
Chantada

Por Chantada presentará a Antóm Fente Parada como candidato á Alcaldía de Chantada

Por 24 Febreiro, 2023Febreiro 25th, 2023Sin comentarios

O grupo municipal Por Chantada presentará o candidato á Alcaldía, Antom Fente Parada, que se mantén desde 2015 como a cara máis visible dun “proxecto plural e diverso, concebido por e para Chantada”, defenden desde o partido.

A cita terá lugar o vindeiro 25 de marzo a partir das 19.00 horas no Círculo Recreativo Cultural de Chantada (Casino), onde tamén se aprobará o programa e se presentarán as 23 persoas que traballarán no partido, que é o máximo legal.

O acto será conducido pola fadista Sara de Sousa e polo poeta Rafael Lobelle González e intervirán en representación de todo o proxecto e da candidatura integrantes da mesma como Helena Fernández Montes.

Posteriormente, terá lugar unha cea de confraternidade no Mesón Mogay á que pode asistir calquera viciña ou viciño que retire a súa invitación.

Conformación do partido

Así, Por Chantada impulsa unha candidatura paritaria conformada por 12 mulleres e 11 homes e, e 10 residen na vila, como Xavier Viana Álvarez, e 13 nas parroquias rurais do concello, como Olga Otero Gómez.

Desas 23, indican, para 12 persoas é a primeira vez que se presentan a este proxecto político, como Manuel Moure Pérez, e 10 xa formaron parte da candidatura de Por Chantada de 2019, como a concelleira Cruz Fernández Rodríguez.

Por sectores e profesións, a candidatura tamén é representativa da sociedade: sanitarias, profesores, avogodas, bombeiros forestais, fisoterapeutas, músicos, educadoras sociais, labregos, estudantado, empregados do fogar, deseñadoras, operarios, hosteleiros, autónomas, xubilados… “Persoas comprometidas con Chantada e ligadas tamén ao asociacionismo e a diferentes colectivos con recoñemento da súa traxectoria por parte da comunidade”, explican.