Skip to main content
Cultura SARRIAXALáncara

Mª Isabel Piñeiro, propietaria da Taberna Airexe: “É importante que non se perda o costume de saír tapear”

Por 19 Febreiro, 2023Febreiro 20th, 2023Sin comentarios

Falamos con María Isabel Piñeiro Díaz, propietaria da Taberna Airexe de Láncara

Como xurdiu a idea de poñer en marcha a Taberna Airexe?

Empecei no ano 2003 mentres estudaba porque miña nai xubilábase. Ela tiña unha tenda de ultramarinos e quedeime eu con ela, pero eu quería reenfocalo a unha taberna con tapas e racións.

Co paso do tempo, os clientes foron pedindo máis comidas e facíanme encargos, polo que ao redor do 2007/2008 fixemos a primeira carta, que era simple, contiña racións e algún prato.

Actualmente somos seis persoas traballando na taberna, na que contamos con tapas, racións e pratos elaborados, o que supón que pasou de ser unha taberna esencialmente de tapeo a un establecemento máis coma un restaurante con carta todos os días e menú os días laborables, de 12 euros.

Cales son os pratos estrela?

O típico de aquí é a carne de Tenreira Galega Suprema, a tortilla, o raxo, o bacalao e as táboas de embutido, que inclúen xamón, chourizo, salchichón, roxos, queixos variados de cinco clases e o lomo.

O que adoitan pedir moito tamén os máis novos, e non tan novos, é a tortilla rechea de xamón, leituga, tomate e maonesa.

A raíz da covid-19 tamén metimos catro variedades de hamburguesas de carne de Tenreira Galega Suprema.

Tamén ofrecemos postres caseiros, seis ou sete ao día, e os que máis se piden son a tarta de queixo con arandos, a tarta da avoa e a crema de iogur con frutos vermellos.

Cantas comidas serven durante a semana?

As fins de semana podemos chegar a servir 100 comidas cada día, tanto o sábado como o domingo, contando a comida e a cea.

Os venres tamén damos moitas comidas; podemos chegar a 60 ou 70, pero durante a semana, moito menos, e agora no inverno, menos. No verán, a afluencia de comensais aumenta moito debido ao bo tempo, xa que contamos cunha terraza con carpa.

Fan pedidos por encargo?

Si, facemos pedidos por encargo e para levar a comida, xa sexa o menú enteiro, un prato, varios ou tapas e racións tamén.

Ademais, facemos reservas tamén na taberna, sobre todo para grupos e con pedidos por encargo cun menú pechado ou se veñen sen menú 20 persoas e reservan para comer.

Organizan eventos na Taberna Airexe?

Organizamos as xornadas de cocido e as xornadas de tenreira cachena, que é unha carne que vén das nosas fincas.

Antes faciamos as xornadas do bacalao, pero coincidían en Semana Santa e había demasiada xente.

Tamén adoitamos facer a festa da tortilla no mes de xullo, que coincide co aniversario da Taberna Airexe. O primeiro ano fixemos 20 tortillas e a última edición tivemos que facer 300, así que non sabemos aínda se este ano haberá.

Que previsións hai con respecto ao futuro?

Vemos que a xente anímase cada vez máis a comer antes que a tapear, e ese é un costume que non se debería perder.

Nós ofrecemos cada día seis ou sete tapas diferentes para animar á xente a tapear, porque forma parte da nosa cultura.