Skip to main content
Samos

Denuncian o estado da estrada LU-P 5603 que vai de Samos ao Courel

Por 2 Febreiro, 2023Sin comentarios

O portavoz popular na Deputación de Lugo, Javier Castiñeira, e no Concello de Samos, José Fernández, denunciaron o estado das estradas provinciais no municipio de Samos, que din precisar “melloras de todo tipo, e moi especialmente no que atinxe á seguridade”.

Avisan do risco de saída de vehículos nalgunhas curvas especialmente perigosas, como na estrada LU-P 5603 de Aira Padrón a Praducelo, por Ponte Lóuzara, na que un vehículo se saíu da vía na chamada Ladera de Chaos. As consecuencias, din, non foron moi graves porque o coche topou cunha árbore, que freou a súa caída polo barranco.

Da mesma forma, José Fernández lembra que en agosto do ano pasado xa avisara do caso da LU-P 5603, que vai de Samos ao Courel, onde os veciños piden a instalación de gardabarreiras e varandas nos bordes da estrada, “onde hai grandes desniveis, especialmente onde é frecuente que en inverno haxa xeo”, explican.

O portavoz local do PP de Samos di que o presidente da Deputación é responsable directo de Vías e Obras e que “fixo caso omiso do aviso e non adoptou medida algunha para mellorar a seguridade na citada estrada e noutras que son de titularidade provincial e teñen as mesmas carencias”.