Skip to main content
Colaboracións RIBEIRASACRAXAColaboracións SARRIAXAColaboracións TERRACHÁXA

Xaquín de Roca, crego, enfermeiro e ganduxador de vidas (e II)

Por 12 Febreiro, 2023Sin comentarios

Por Raúl Río.

O compromiso de Xaquín sigue vixente en todas facetas da súa vida: no asociacionismo veciñal, na defensa do idioma e da nosa cultura; do teatro popular e grupos de danzas, pero sobre todo no seu voluntariado altruísta na cárcere de Teixeiro, porque pensa que a cárcere por si sola non educa e quere ofrecer a quen delinquiu no seu día o camiño da rehabilitación e reinserción na sociedade, tratándoas coa dignidade que merecen e merecemos todas as persoas.

En 1968, Don Xacinto Argaya Goicoechea, envíao a Piñeiro, Narón, e alí tocáronlle momentos moi delicados. No ano 1972 houbo na comarca de Ferrol unha gran revolta obreira que rematou co asasinato de Amador Rei e Daniel Niebla a cargo da policía; e o conflito de Megasa, que durou sete meses, con despedimentos e listas negras que o pillaron de cheo. Ademais, unha noite chegaron de súpeto a Freixeiro doce familias de xitanos con case duascentas persoas a un terreo mercado por Cáritas. Só traian os carros e moitos nenos. Para poder atendelos fixo de enfermeiro e incluso aprendeu caló para entenderse con eles, idioma que aínda emprega no cárcere de Teixeiro, onde segue facendo voluntariado.

No ano 1975 asasinan a Moncho Reboiras na rúa da Terra e crease unha situación de represión, pois tanto civís como cregos, e incluso o bispo Don Miguel Arauxo, foron sometidos a interrogatorios, rexistros de vivendas e locais, requisas de materiais: bolígrafos e paquetes de folios de papel en branco que logo non apareceron, porque todo valía para acusar a quen fose con tal de xustificarse policialmente, pero nunca lles devolveron nada e incluso lles controlaban as misas e homilías. El era un daqueles curas obreiros e considerábano perigoso por estar ao lado dos traballadores e de ser consecuente coa súa clase e co seu pobo.

Como xa dixemos anteriormente, sempre tivo un cariño e unha sensibilidade especial polas xentes mais sinxelas e con menos medios ao seu alcance. De aí que, sen ser dos Vilares, sempre tivo unha gran devoción polos trapeiros da miña parroquia.

Habilidoso e inciso coa súa pluma, escribiu sobre deles verbas tan bonitas e emocionantes como estas: “Os trapeiros eran apreciados e queridos en todos os sitios polos que pasaban. Teño unhas lembranzas e memoria deses rapsodas que se movían polo mundo enteiro en tempos de pobreza e miseria. Cantas alegrías teñen levado sabendo escoitar, contando cousas, levando e traendo os aires saudosos e ventureiros dunha vida que tanto necesitaba de azos e ánimos. Eles, sabendo valorar o que xa non valía, ían deixando a cambio, por troco, algo tan sinxelo coma agullas de diversos usos que aquelas xentes non tiñan, nin tampouco cartos para mercalas. E solucionaban vida e sementaban vida e facían rir. Eran grandes contadores e creadores de fábulas e mesmo andrómenas que logo eran citados durante moito tempo. Cando estiven nas montañas do Valadouro, ao saberme das terras de Parga, foron eles quen me abriron as portas das casa porque coñecían a este trapeiro ou aquel outro. Foron os meus valedores. Porque os trapeiros, nós temos moi claro, que eran maioritariamente de Os Vilares. Pero traspasadas as fronteiras da nosa bisbarra todos eran de Parga no dicir popular. Por iso eu lles son debedor porque, grazas á súa bonhomía, a min abríronse portas, por asociación, en sitios por onde andei e a moita honra. Nunca deixei de recoñecerme neles. Ao contrario, sentinme querido e honrado”.

Emocionante! Quizás non se pode expresar mellor nin con menos palabras a humilde labor dos meus veciños trapeiros.

As xentes das parroquias de Santa Mariña (onde foi substituír a Xosé Chao Rego por mandato do bispo D. Xacinto Argaya; San Paulo de Cartabois, San Mateu de Trasancos, Oiras, Figueiras, Piñeiros, Narón, Mandiá, Marmancón e doutras moitas, son testemuñas da súa bonhomía e téñeno como modelo de crego que sempre se preocupou polo benestar dos deus fregueses.

Tampouco os curas son todos iguais, e para min é un orgullo manter amizade con cregos da categoría de Xaquín, de Alfonso Blanco Torrado e de Luís Rodríguez Patiño, aínda presentes, e tamén da que mantiven cos cregos xa desaparecidos: o historiador de Maceda, Francisco Carballo Carballo e o baluro máxico Xosé Manuel Carballo Ferreiro, que nos puxo a Don Otto viaxando con nós pola chaira. Cregos apegados ao pobo co que loitan ou loitaron por un mundo mellor e mais xusto; todos eles intentando crear un ceo na terra, ou polo menos procurando que non se converta nun inferno para os mais desvalidos. Esa é, e foi, a honrosa e nobre intención de todos eles e do amigo Xaquín.

Encetei a primeira parte deste artigo dicindo que Xaquín é un bo home e mellor crego e quero rematar esta segunda, pregando que nos acompañe por moitos anos máis este bo crego e mellor home.