Skip to main content
RiotortoRiotorto AMARIÑAXA

O BNG reclamará en Pleno a implicación do Concello na defensa das prazas de médico

Por 2 Febreiro, 2023Sin comentarios

O BNG de Riotorto levará ao vindeiro pleno municipal – 3 de febreiro – unha moción para esixir á Xunta de Galicia a cobertura inmediata e continuada das dúas prazas de médico de familia no centro de saúde, que leva desde o pasado 16 de novembro cun só facultativo.

A formación nacionalista denuncia que “neste tempo, tivemos que escoitar como a responsable de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña, xustificou no Parlamento de Galiza este recorte de persoal, cunha intervención que nos fai pensar que a intención da Consellería de Sanidade é manter esta situación indefinidamente suprimindo, de facto, unha das prazas”.

“Non podemos permitir ese recorte no servizo. As institucións locais deben ser activas na defensa da sanidade pública, por iso, a través desta mociòn, pedimos ao goberno municipal que estea a altura da veciñanza e da responsabilidade que lle corresponde e reclame aos dirixentes políticos do seu propio partido unha solución inmediata”.

Ademais de reclamar a cobertura das dúas prazas de médico, a moción demanda á Xunta de Galicia que garanta de forma continuada a atención pediátrica no centro de saúde de Meira, onde tampouco se cubren as ausencias do titular da praza de pediatría.

“Riotorto sufre as consecuencias das políticas do Partido Popular que desmantela a sanidade pública, para favorecer á sanidade privada, que medra de maneira imparable. As persoas responsables dos SERGAS móstranse incapaces de planificar e xestionar a Atención Primaria, replicándose por toda Galiza situacións de falta de persoal e recursos nos centros de saúde”, argumenta o BNG que reclama o apoio do Concello de Riotorto á mobilización en defensa da sanidade pública convocada polo Plataforma SOS Sanidade Pública o vindeiro 12 de febreiro en Compostela facilitando o desprazamento da veciñanza en autobús, cun itinerario e horarios previamente anunciados.

O BNG de Riotorto ven desenvolvendo desde  o pasado mes de decembro unha campaña de mobilizacións e recollida de sinaturas en defensa das dúas prazas de médico no centro de saúde.