Skip to main content
Deportes AMARIÑAXAViveiro

O Viveiro CF celebrou o seu centenario

Por 25 Marzo, 2023Sin comentarios

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, xunto á corporación municipal, participou no acto de celebración do centenario do Viveiro CF, unha gala moi emotiva no que se puxo en valor a historia e a traxectoria do primeiro club da provincia de Lugo en rexistrarse na RFG de Fútbol, no ano 1923, e se adiantaron algunhas das actividades que formarán parte da programación que por mor desta efeméride se levarán a cabo nos próximos días.

O teatro Pastor Díaz acolleu esta cita que contou tamén coa presenza do Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, a sudelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, xunto a antigos directivos, adestradores, xogadores, colaboradores e o público que encheu o recinto.

Presentado polos xornalistas Ignacio Meitín y Millán Gómez, o evento tivo momentos para a nostalxia coa proxección de imaxes e vídeos sobre o pasado dunha entidade que actualmente milita en Terceira División pero que disputou ata cinco fases de ascenso a Segunda B ademais de ver crecer a xogadores que como Pablo Rodríguez, Cayetano Navarrete e Kiko Rey, xunto ao desaparecido Antonio Tarrío, Tombi, chegaron incluso a categorías profesionais.

“Sodes un club histórico no fútbol provincial e galego por historial e traxectoria, pero para nós, a xente de Viveiro, sodes tamén un referente deportivo no que os nosos nenos e nenas se fixan e ao que queren imitar”, destacou a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

“O sentido de pertenza á Viveiro, que os veciños e veciñas se sintan orgullosos de ser de Viveiro, é outro obxectivo no que as entidades, as organizacións, os clubs e nós dende o Concello debemos colaborar. Grazas unha vez máis pola vosa aportación neste senso”, engadiu a rexedora que recordou a vontade do Concello en colaborar na programación dos actos previstos neste centenario.

A entrega de insignias conmemorativas dos cen anos do Viveiro CF ou a presentación das equipacións conmemorativas que lucirá o equipo nos vindeiros meses formaron parte tamén da emotiva cita desta tarde en Viveiro.