Skip to main content
Ribadeo

O colectivo ribadense As Vacas Fracas pintará un mural no piar da Ponte dos Santos

Por 16 Marzo, 2023Sin comentarios

O colectivo ribadense As Vacas Fracas pintará un mural no piar da Ponte dos Santos, que está situado no paseo do Faro. Trátase dun proxecto das Concellarías de Cultura e Obras, que persegue mellorar a estética de toda esa zona.

A edil de Cultura, Pilar Otero, contou que “unha vez rematado o proxecto que indubidablemente mellorou as condicións de uso e seguridade do paseo ao faro, un espazo moi empregado pola veciñanza de Ribadeo e tamén polos turistas para as andainas e outras actividades físicas, desde as Concellarías de Cultura e de Obras comezamos a traballar xa hai varios meses na mellora estética desta mesma zona. Inicialmente encomendouse o pintado dos pretís situados no paseo ao carón da ponte debaixo da autovía. E estes días encargámoslles de novo ao colectivo ribadense As Vacas Fracas a proposta dun mural para continuar con este cometido”. A concelleira de Cultura indicou que “nuns días poderemos disfrutar da súa proposta, que pretende ser unha representación figurativa de cómo o factor humano se relaciona e está estreitamente vinculado ao espazo e á natureza”.

Otero Cabarcos subliñou que “apostamos decididamente polo local e por iso sempre apoiamos as iniciativas de asociacións e veciñanza. Por esa mesma razón estamos especialmente orgullosas de que un colectivo de xente moza de Ribadeo deixe a súa pegada artística nun lugar con tanta visibilidade, xa que polo paseo chegan a pasar centos de persoas ao día”.

Pola súa banda desde As Vacas Fracas sinalaron que “nesta proposta enfatizamos a importancia da natureza e dos nosos ecosistemas como piar do camiño de Santiago. Un recordatorio de que podemos disfrutar dos nosos bosques no camiño sen deixar a nosa pegada neles”.

Ata o espazo no que As Vacas Fracas pintará ese mural desprazáronse as concelleiras de Cultura e Obras e o concelleiro de Turismo así coma os artistas que deixarán a súa pegada  nese piar da Ponte dos Santos, no paseo do Faro.