Skip to main content
Viveiro

O Concello de Viveiro anuncia un investimento para renovar varios viais en Granxas, na parroquia de Covas

Por 30 Marzo, 2023Sin comentarios

O Concello de Viveiro informa da execución, a través do Plan Único 2023 da Deputación de Lugo, de obras para a construción dun skatepark na zona de Lodeiro, así como para renovar varios viais de Granxas, na parroquia de Covas.

O proxecto para a creación dunha pista de skate conta cun orzamento base de licitación de 131.000 euros e permitirá que Viveiro dispoña dunha nova área de lecer, coas medidas de seguridade e técnicas que esixe un espazo destas características. Ademais, estará dotado de ramplas con diferentes niveis, obstáculos e distintos elementos patinables.

“Coa construción deste skatepark, damos resposta a un espazo moi demandado pola mocidade de Viveiro e permitirá á veciñanza desfrutar dunha nova área de lecer”, subliña a alcaldesa María Loureiro.

No lugar de Granxas vaise actuar sobre catro viais de titularidade municipal, próximos á praia de Covas, para realizar labores de mellora da pavimentación na zona destinada ao tráfico rodado. Tamén se procederá á reposición dos servizos urbanos de rede de saneamento, coa implementación da pluviais e a dotación dunha nova rede de abastecemento de auga. O orzamento ascende a 164.392,96 euros.

Ambas actuacións se levarán ao abeiro do Plan Único 2023 aprobado este martes na Deputación de Lugo.

“Grazas ao Plan Único, concellos como o noso podemos levar a cabo unhas obras necesarias para mellorar os servizos e a calidade de vida da nosa veciñanza”, engade a María Loureiro.