Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación de Lugo reclama á Xunta que garanta a cobertura pediátrica en toda a provincia

Por 28 Marzo, 2023Sin comentarios

A voceira socialista do Goberno denunciou no Pleno que o 14% das prazas de pediatría primaria están atendidas por médicos que non contan con esa especialidade e que hai complicacións co servizo en máis dunha ducia de concellos.

A Deputación de Lugo urxe á Xunta de Galicia a que garanta a cobertura pediátrica con especialistas a todos os nenos e nenas da provincia. Así se acordou no Pleno ordinario do mes de marzo celebrado este martes, a raíz dunha proposta presentada polo Goberno provincial, que saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG e o voto en contra do PP.

Expuxo a voceira socialista, Pilar García Porto, que segundo os datos do sindicato O’Mega, en Galicia hai 11.000 nenos e nenas sen pediatra asignado e que, atendendo aos datos da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria, o 14% das prazas de pediatría están atendidas por médicos que non contan con esa especialidade. Cuestión que demostra que “a xestión que se fixo da sanidade pública en Galicia é nefasta”.

“A infancia é unha etapa fundamental para as persoas, con doenzas específicas que requiren a atención de especialistas”, denunciou García Porto. Nese sentido, puxo sobre a mesa que na provincia de Lugo hai 2 prazas de pediatría sen cubrir nos centros de saúde, que o cadro de persoal de pediatras da provincia conta con 35 profesionais, dos que preto dun terzo -11- non son especialistas. “É o momento de tomar cartas no asunto por parte de quen ten a responsabilidade”, subliñou.

Denunciou García Porto que hai problemas na atención pediátrica en máis dunha ducia de concellos da provincia como Abadín, Alfoz, Baralla, Becerreá, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, A Fonsagrada, Foz, Mondoñedo, Outeiro de Rei, Ribadeo, ou O Valadouro. Puxo como exemplo o caso de Foz, que só ten pediatría a media xornada, cando é un servizo que comparte con outros concellos como os de Alfoz e O Valadouro.

A institución provincial insta tamén ao Goberno galego a que remate coa política de recortes de persoal e adopte as medidas necesarias para repoñer, coa maior brevidade posible, os cadros de persoal nos servizos de pediatría; e que atenda ás recomendacións das organizacións profesionais á hora de deseñar o modelo de atención de urxencias pediátricas, para evitar que a falla de atención nos centros de saúde se traduza logo no colapso dos centros hospitalarios.

Incremento do complemento das pensións

O Pleno tamén sacou adiante unha moción presentada polo grupo do PSdeG, cos votos a favor dos socialistas e do BNG e o voto en contra do PP, para que a Xunta de Galicia incremente o complemento autonómico das pensións non contributivas na mesma porcentaxe –do 15%- que o Goberno ten decretado para estas prestacións no conxunto do Estado.

Subliñou García Porto que o incremento do 6% en Galicia é moi inferior ao acordado polo Goberno do Estado, que as 4.400 persoas que perciben estas prestacións na provincia de Lugo recibirán da Xunta de Galicia, unha paga de 218 euros, o que supón “unha suba real de aproximadamente 13 euros” divididos en 14 mensualidades: “Unha cantidade que exemplifica ben o grao de preocupación dos gobernos do PP polos nosos pensionistas”.

“Nos 12 anos de goberno dos populares, o incremento total ten sido de 18 euros ao ano, é dicir, un incremento de apenas 0,75% cada ano”, denunciou a voceira socialista, que contrapuxo que grazas á suba das pensións aprobada polo Goberno do Estado, “un pensionista lucense percibe de media uns 80 euros máis ao mes”.