Skip to main content
Antas de Ulla

García Porto destaca os avances do Parque Central de Galicia

Por 10 Marzo, 2023Marzo 13th, 2023Sin comentarios

Pilar García Porto, amosou a súa satisfacción polos avances do Parque Central de Galicia, o proxecto co que a Deputación de Lugo pon en valor o centro xeográfico da comunidade autónoma, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, segundo determinou o Instituto Xeográfico Nacional.

A concelleira explicou que o Pleno municipal aprobou o Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións, o paso imprescindible para que a Deputación de Lugo poida pedir licencia ó Concello e iniciar as obras deste espazo público, que supoñerá “un impulso moi importante para Antas, a nivel social e económico, pola súa capacidade de promocionar o noso concello, o que, sen dúbida, dinamizará a economía e favorecerá o mantemento e mesmo a creación de emprego, axudándonos, polo tanto, a fixar poboación”.

García Porto recalcou que “levamos máis de dous anos esperando dende que este proxecto se presentou publicamente na Praza Nova. O alcalde retrasouno demasiado, todo o que puido, seguramente para tratar de torpedear esta gran obra para Antas porque a impulsa unha Administración que non considera amiga, pero, por fin, decidiu convocar este Pleno para aprobar o Plan Especial e desbloqueou a tramitación para seguir adiante”.

A voceira socialista avanzou así mesmo que “continuaremos moi pendentes, coma sempre, para que o alcalde dea todos os pasos necesarios, en tempo e forma, para que o Parque Central de Galicia sexa unha realidade”. Neste sentido García Porto detectou e advertiu ó alcalde dun “erro no informe da arquitecta municipal que acompaña o expediente do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións do Parque Central de Galicia porque nel condiciona a súa tramitación a unha documentación que xa está incluída no propio Plan, seguindo as indicacións do organismo Augas de Galicia, algo que a Deputación xa comunicou mediante oficio ó Concello con data do pasado 29 de decembro”.

A concelleira explicou, de feito, que o propio rexedor corrixiu este erro no propio Pleno, presentando un informe que non incorporaran inicialmente na documentación do expediente do Plan Especial. Polo tanto, agora, unha vez aprobado no Pleno, o Concello ten que publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o Plan Especial, momento no que a Deputación poderá pedir licencia municipal de obra e, unha vez outorgada, poderá iniciar a execución do proxecto porque xa o ten adxudicado a unha empresa por un importe de 1,3 millóns de euros.