Skip to main content
Castroverde

Xosé María Arias repite como candidato do PSOE á Alcaldía de Castroverde

Por 27 Marzo, 2023Sin comentarios

O Alcalde de Castroverde, Xosé María Arias será novamente o candidato socialista nas próximas eleccións municipais do 28 de maio. “Acompáñame moita xente que, coma min, ten moitas ganas de traballar polo noso pobo. Iso faime sentir moi orgulloso e ao mesmo tempo moi comprometido con esta nova andaina política. Quero seguir construíndo o futuro do meu pobo”, subliñou Arias.

A Agrupación Socialista de Castroverde celebrou unha comida de presentación da lista electoral encabezada por Xosé María Arias, que reuniu a unhas 250 persoas no Polideportivo Municipal A Ferrería da vila. O secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, xunto ao secretario de Organización do PSdeG, Jose Manuel Lage Tuñas e á secretaria de organización provincial, Pilar García Porto, entre outros cargos orgánicos e  representantes institucionais do partido, asistiron ao encontro, no que o líder dos socialistas lucenses puxo Castroverde como exemplo das políticas centradas nas persoas “que sempre facemos os socialistas cando gobernamos”, con medidas como a apertura neste mandato do Centro de Atención a Maiores da Deputación na localidade.

“Non poderíamos esperar nada parecido do PP, que se lle enche a boca de falar do rural, pero logo, o único que fai é botar á xente do rural porque recorta médicos, profesores e non crea ningún servizo público, como poder ser unha residencia”. En cambio, “financia aldeas modelo, un invento inútil para gastar cartos públicos”, asegurou. Neste sentido, incidiu, “o que fai falta para que a xente siga vivindo no rural son servizos públicos, cando menos, como os que teñen nas cidades, e emprego. E iso é polo que traballamos cada día os socialistas alí onde temos responsabilidades de Goberno, como demostra o Goberno de España e como demostramos na Deputación de Lugo”.

O secretario xeral dos socialistas na provincia recalcou “o dinamismo e fortaleza” do PSdeG, que presenta “as mellores candidaturas e os mellores proxectos” ás eleccións municipais. Polo tanto, “saímos a gañar. Vamos consolidar as alcaldías que temos, como é o caso de Castroverde, vamos gañar máis alcaldías e, por suposto, vamos manter a Deputación”, destacou.

O alcalde de Castroverde e candidato á Alcaldía explicou que está impulsando dende o Concello novas dotacións e equipamentos para os veciños e veciñas, como son as obras de ampliación e mellora do centro sociocultural de Castroverde, “que están avanzando a moi bo ritmo e previsiblemente estarán rematadas este verán”. “Só dúas administracións públicas están aportando orzamento para este novo proxecto, o Concello e a Deputación de Lugo, nin máis nin menos. Precisamente os mesmos gobernos que puxeron en pé e abriron a nosa residencia de maiores”, incidiu.

“Queremos seguir gobernando Castroverde para impulsar proxectos e iniciativas que redunden no benestar da veciñanza. O noso concello non pode converterse nunha conquista política, nin ser o trofeo de pleitesía do PP. A Xunta sigue ninguneando ao noso concello. Aquí non hai rastro de investimento do PP”, criticou.

Xosé María Arias tamén destacou unha nova medida que vai priorizar neste novo mandato, a creación de comunidades enerxéticas, un sistema de autoconsumo colectivo no que os participantes se benefician das enerxías limpas que producen, co que reducen as emisións de CO2 ao tempo que reducen o gasto. “É importantísimo que un concello como o noso poida beneficiarse deste sistema enerxético. As persoas que forman parte delas son produtoras e consumidoras de enerxía limpa propia, ademais de supoñer un importante aforro para o consumidor. Temos que ser capaces de xestionar recursos e proxectos que contan con financiamento público, para que revertan directamente nas nosas parroquias e nos nosos veciños. Este é un exemplo”, expuxo.

Xosé María Arias García é gandeiro, unhas orixes das que se sente moi orgulloso e accedeu á Alcaldía de Castroverde no ano 1997. Nas eleccións municipais de 1999 encabezou a candidatura do PSdeG- PSOE en Castroverde e foi elixido alcalde. Dende o ano 2003 é rexedor con maioría absoluta ata actualidade. Polo tanto, conta con 5 maiorías absolutas consecutivas. Tamén é deputado provincial de Cooperación e Asistencia aos Concellos e vicesecretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo.