Skip to main content
Lugo

Lugo contará cun novo aparcamento na avenida Breogán

Por 28 Marzo, 2023Sin comentarios

A Xunta licita cun investimento de 1,2 millóns de euros un aparcamento disuasorio con 148 prazas na avenida de Breogán co  obxectivo de iniciar as obras despois do verán.  A titular de Infraestruturas subliñou que este proxecto de aparcamento disuasorio “ten como obxectivo fomentar o uso do vehículo compartido e reducir as emisións na cidade”.

Precisamente, indicou a conselleira, “a elección do emprazamento do aparcamento, a parcela anexa á avenida de Breogán, obedece á súa estratéxica situación entre as estradas nacionais N-VI e N-540, estando, ademais, próximo ao novo polo de atracción que vai ser o Barrio da Residencia”.

Sinalou que as empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 24 de abril para presentar as súas ofertas e incidiu no obxectivo de comezar as obras tras o verán, cando se espera ter formalizada a ocupación dos terreos, cun prazo de execución de 10 meses.

Ethel Vázquez explicou que se trata de executar “un aparcamento cunha superficie total de 5.700 m2 que ofrecerá un total de 148 prazas, das cales 4 estarán reservadas para vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida”.

A conselleira salientou que este aparcamento será unha infraestrutura verde desde unha dobre vertente: desde o punto de vista do seu deseño, con vexetación e arborizado para a maior integración paisaxística, e desde o punto de vista da funcionalidade.

O aparcamento dispoñerá dun dobre acceso: un ao norte, a través de cálea Barrio Casas, que busca dar servizo aos tráficos que teñen como orixe ou destino o interior da cidade de Lugo e máis concretamente o norte e leste; e outro acceso polo sur, con entrada e saída por esta avenida de Breogán, pensado como entrada principal e destinado aos coches que teñen como orixe ou destino o exterior da cidade ou que van empregar o nó viario das estradas nacionais para acceder ás circunvalacións da cidade e ás vías de alta capacidade.

No seu interior, o aparcamento terá 3 eixos viarios, todos unidireccionales e con carrís de 6 metros para facilitar as manobras de entrada e saída nas prazas de estacionamento: un eixo principal de 70 metros que vai desde a avenida de Breogán ata cale Barrio Casas; un eixo perimetral e un eixo central que os conectará.

A execución deste aparcamento completarase coa instalación de iluminación, videovixilancia, preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos e a incorporación de vexetación e arboledo, e dotación de sombra no aparcamento.

A intervención enmárcase nos proxectos promovidos pola Xunta ao amparo dos fondos Next Generation para fomentar a mobilidade sostible nas cidades e vilas galegas.