Skip to main content
Portomarín

A Deputación inviste máis de 200.000 euros na mellora de dúas estradas de Portomarín

Por 23 Marzo, 2023Marzo 25th, 2023Sin comentarios

A Deputación de Lugo vén de iniciar esta semana as obras de mellora do firme en dúas estradas que artellan o concello de Portomarín, nas que destina un investimento de máis de 200.000€. Trátase da LU-P-4902, que comunica o Alto do Valiño con Valdeporrás por Vilaxuste, onde a institución provincial está a renovar un tramo de 3 quilómetros a partir do primeiro e ata o 4; e a LU-P-4909, de Toxibó ás Neves, onde actúa na estrada desde o punto quilométrico 2 ao 3,235.

Os traballos teñen un prazo de execución de dous meses, e contemplan a apertura de cunetas, drenaxe e limpeza, saneamento das capas existentes nas zonas con deficiencias, pavimentación con aglomerado en quente e sinalización das vías mediante marcas reflexivas brancas.

Con estas dúas actuacións, a institución provincial mellorará de forma considerable as comunicacións de Portomarín, pero tamén para o conxunto da comarca e da provincia porque estas estradas de titularidade provincial son moi frecuentadas por visitantes durante todo o ano neste concello de referencia do Camiño de Santiago.

Por un lado, a LU-P-4902 do Alto do Valiño é unha das estradas máis empregadas no municipio xa que atravesa o concello dun extremo ao outro, e comunica Portomarín coas parroquias máis grandes do concello como son Recelle e Vilaxuste. Ademais de ser unha vía moi usada como saída á nacional de Lugo a Ourense.

Así mesmo, no caso da LU-P-4909, de Toxibó ás Neves, dá un importante servizo á veciñanza xa que esta vía é moi empregada por gandeiros e gandeiras da zona para desprazarse ás súas explotacións.