Skip to main content

Por Rebeca Maseda

Venecia, Cannes, Berlín, San Sebastián. Catro cidades fascinantes. Catro cidades de  cine. Estas localizacións privilexiadas son sede de cadanseu festival de cinema, e non dun  calquera, non; todos eles forman parte da meca dos festivais internacionais vencellados  á sétima arte. Nestes tempos de “listas para todo”, non teñades nin a menor dúbida de  que estes catro eventos están presentes, e moi arriba, no “top 10” dos mellores festivais  do mundo.

Glamour, talento, calidade, moda. Ideas que afloran na nosa cabeza cando  pensamos nun evento deste tipo. A gran familia do cinema, directoras e directores,  actrices e actores, produtoras e produtores, guionistas, persoal técnico, etc.; a familia  invisible que transforma un festival nunha auténtica festa do cinema onde cada pequeno  detalle forma parte dunha engrenaxe ben engraxada, organizadores, xornalistas  especializados, provedores, etc. Nin me imaxino a cantidade de traballo – previo e  posterior – que hai detrás dun evento de tal magnitude e…, que pracer e que fantasía  poder deleitarnos co resultado final, sexa ao vivo ou incluso a través da pantalla.

“Mostra Internazionale d’Arte Cinematografica della Biennale di Venezia”. Primeira  edición en 1932, o máis antigo dos catro. Venecia. Palazzo del Cinema. Leone d’Oro,  Leone d’Argento e Copa Volpi. A Mostra pretende promover a difusión do cinema  internacional en todas as súas formas de arte, entretemento e industria cun espírito de  liberdade e diálogo, incluíndo ademais unha sección dedicada á posta en valor das  operacións de restauración de películas clásicas, contribuíndo así a un mellor  coñecemento da historia do cinema. A cidade dos canais e as góndolas, tomar un  “espresso” na Piazza San Marco, cruzar o Rialto, escoitar a Vivaldi ou contemplar un  Tiziano. Caderno de bitácora para calquera viaxeira ou viaxeiro en terras venecianas.

“Festival de Cannes”. Primeira edición en 1946. Cannes. Palais des Festivals et des  Congrès. Palme d’Or. O Festival sempre se mantivo fiel á súa vocación fundacional que é visibilizar e apoiar obras de calidade para fomentar a evolución do cinema, favorecer  o desenvolvemento da propia industria e proxectar a sétima arte a nivel internacional.

Unha das xoias da Costa Azul, lucirse polo Boulevard de la Croisette, navegar ata a Île  Sainte-Marguerite ou perderse polas súas rúas ateigadas de tendas “très chic” e con aroma de lavanda.

“Berlinale”. Primeira edición en 1951. Berlín. Berlinale Palast. Goldener Bär (Oso  de Ouro) e Silberner Bär (Oso de Prata). A Berlinale é un lugar único de exploración  artística e entretemento. Estamos a falar dun dos festivais públicos de cinema máis  grandes do mundo que atrae a decenas de miles de visitantes cada ano. Para a industria  cinematográfica e os medios de comunicación, os once días de febreiro son tamén un  dos eventos máis importantes do calendario anual e un foro comercial indispensable. A  cidade dividida por un muro, facerse unha foto no Checkpoint Charlie, cruzar a Porta de  Brandeburgo, perderse na Illa dos Museos ou comerse un kebap delicioso. A Berlín  cosmopolita e “cultureta”.

“Donostiako Zinemaldia”. Primeira edición en 1953. Donostia – San Sebastián.  Kursaal. Concha de Ouro e Concha de Prata. O Festival é o gran evento cultural da capital  guipuscoana e o motor da estreita relación da cidade co cinema. Grandes nomes do  sector aparecen xa vencellados a Donostia que, por outra banda, sempre remata por  namorar a calquera visitante: Federico Fellini, Audrey Hepburn, Alfred Hitchcock, Jean

Luc Godard, Sophia Loren, Luís Buñuel, etc. As estrelas internacionais chegan a diario  durante o festival e adoitan mesturarse con donostiarras, turistas e foráneos, xerando  unha gran expectación. A cidade con maior número de Estrelas Michelin por metro  cadrado, pasear pola Concha, deleitarse coa panorámica dende o Monte Igueldo, salivar vendo a barra cheíña de “pintxos” nun restaurante da zona vella, tradición e  modernidade fusionadas en total harmonía.

De como soñar mil vidas e contar mil historias.