Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

O consello regulador da denominación de orixe da Ribeira Sacra quedou constituído

Por 10 Marzo, 2023Sin comentarios

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, presidiu a constitución do novo pleno do consello regulador da denominación de orixe (DO) Ribeira Sacra, no marco das renovacións dos órganos de goberno de 15 consellos reguladores do ámbito agroalimentario, segundo o establecido na orde da Consellería do Medio Rural publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado no 10 de novembro.

Así, este novo pleno quedou conformado por 12 vogalías, 4 por candidatura única e 8 por pactos electorais. As 4 primeiras corresponden a Viticultores e Adegueiros da Ribeira Sacra, mentres que as 8 restantes foron para Viticultores non comerciais e Viticultores e Adegueiros da Ribeira Sacra.

Tras a toma de posesión, os vogais aprobaron que a presidencia do consello regulador a asuma Antonio Lombardía Crespo. No tocante á vicepresidencia primeira, será asumida por Héctor Ferreiro Abelairas, do sector produtor; mentres que a vicepresidencia segunda será asumida por César Enríquez González, de Adega Cachín SC, como representante do sector industrial.

Nas pasadas eleccións só votaron determinados censos dos consellos reguladores das denominacións de orixe (DO) vitivinícolas de Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro e Valdeorras. Tamén, no da indicación xeográfica protexida (IXP) Mel de Galicia e no das IXP das Carnes de Vacún de Galicia.

O resto de censos tiñan candidatura única ou chegaron a un acordo.