Skip to main content
Samos

O tenente de alcalde de Samos, García Jurjo, será o alcaldable polo PSOE

Por 3 Marzo, 2023Marzo 4th, 2023Sin comentarios

José Antonio García Jurjo é o candidato socialista á Alcaldía de Samos nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio.

García Jurjo, natural de Santalla de Lóuzara, reside en Samos, e compaxina a súa actividade profesional como graduado social, que exerce na localidade dende o ano 1991, co seu posto como Tenente de Alcalde no Concello.

José Tomé Roca sinalou que García Jurjo “representa o mellor do compromiso galeguista e socialista do PSdG”, e dixo que “o compromiso coa xente, o rigor, a capacidade de traballo en equipo e o seu proxecto de futuro para mellorar o concello marcan as cualidades idóneas para configurar unha candidatura gañadora, que coloque a política municipal de Samos ao nivel que se merece, lonxe do Falcon Crest familiar que quere montar o Partido Popular”.

O candidato socialista é concelleiro no Concello de Samos desde o ano 2007 e a partir do 2011 asumiu as funcións de tenente de alcalde, promovendo diferentes iniciativas culturais e de recuperación do patrimonio de Samos, colaborando na creación do roteiro literario Fiz Vergara ou apostando pola posta en valor das covas de Santalla. Tamén foi creador e promotor da feira de artesanía e produtos naturais de Ponte de Lóuzara.

García Jurjo explicou que só entende a política como “unha vocación de servizo público” e que o seu principal compromiso é “escoitar a todos os veciños e veciñas para intentar resolver os seus problemas reais, e gobernar para todos”.

Propostas

Entre as propostas destacadas do seu programa está a importancia de impulsar “o gran potencial de Samos, que é a gandería, o sector forestal e o turismo” apostando pola promoción do Camiño de Santiago “cun modelo que teña en conta as necesidades de cada concello”.

No sector forestal e medioambiental considera imprescindible contar “cunha estratexia de prevención e loita contra o lume eficaz, que aposte pola limpa e o coidado do monte todo o ano, na que os concellos imos colaborar, pero na que a Xunta ten que cambiar todo aquelo que non funciona”.

Anunciou tamén medidas de limpeza dos ríos e de loita contra enfermidades e pragas do castaño.

No eido social, propón medidas para fixar poboación no rural, “con incentivos á natalidade, melloras no servizo de axuda no fogar e no coidado ós nosos maiores, e a promoción do emprego, que permita ós mozos e mozas desenvolver o seu proxecto persoal e profesional neste concello”, concluíu.