Skip to main content
Cospeito

O PSOE escolle ao escritor e poeta Daniel Irimia como alcaldable en Cospeito

Por 2 Marzo, 2023Sin comentarios

Daniel Irimia, investigador, escritor e poeta, será o candidato do PSdG á alcaldía de Cospeito nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. O candidato agradeceu “a confianza depositada en min por parte da Agrupación Socialista de Cospeito, dos demais membros do partido e do Secretario Provincial do PSOE”.

Daniel Irimia asegurou que se abre unha nova etapa en Cospeito, que afronta, subliña, “con moita ilusión, con moitas ganas de traer e de facer cousas concretas no meu concello, de poñelo á altura dos municipios veciños en canto a infraestruturas básicas e de superar o estancamento e o abandono do actual goberno municipal”.

O Secretario Xeral dos socialistas na provincia, José Tomé Roca, sinalou que Daniel Irimia “é unha persoa moi preparada, que conta con experiencia na política local e que coñece moi ben o seu concello. Penso que é o mellor candidato que pode ter Cospeito, e que vai desenvolver un proxecto de progreso pensado na mellora da calidade de vida de todos os veciños e veciñas”.

Daniel Irimia explicou que “revitalizar Cospeito, dinamizar o noso rural e desenvolver políticas que axuden a asentar poboación será a columna vertebral do noso programa electoral para facer de Cospeito o corazón da Terra Chá”. Nese sentido, anunciou tamén que presentará unha candidatura “renovada, con xente preparada e, sobre todo, pegada ó pobo”.

Natural da parroquia de Momán, Daniel Irimia estudou bioloxía na Universidade de Santiago e especializouse en xestión da biodiversidade na de Granada. O seu amor pola terra e a natureza marca tanto o seu traballo como investigador no departamento de Botánica do Campus de Lugo como a súa obra poética e literaria.

Pola súa experiencia persoal e profesional, compaxinando estudos e traballo, Irimia considera fundamental prestar atención ás necesidades da mocidade. “Non podemos contentarnos con dicir que a xuventude é o futuro. A xuventude é o presente, e temos que darlle resposta ós mais novos para que non teñan que marchar das súas vilas. A política é a arte de facer posible o necesario para a xente co fin de prosperar en común, e eu non vou aforrar esforzos”. “Sei moi ben de onde veño. Sei moi ben a onde quero ir. Nunca me regalaron nada na vida e todo o que conseguín foi por puro esforzo persoal, e coma min, a maioría dos da miña xeración; os que traballamos e estudamos ao mesmo tempo. Farei o que sexa necesario con tal de traer cousas para Cospeito e modernizalo”, recalcou.