Skip to main content
As Pontes

Medio centenar de ponteses participan na quinta edición da Universidade Sénior

Por 7 Marzo, 2023Marzo 8th, 2023Sin comentarios

O concello das Pontes inaugurou a quinta edición do programa de Democratización do Coñecemento, promovido polo Concello das Pontes,  Universidade Sénior da Universidade da Coruña, no que participarán un total de 44 alumnos e alumnas.

Durante este acto, que contou coa presenza da Subdirectora da Universidade Sénior, Elena Arce Fariña, a concelleira de Benestar Social, Tania Pardo, agradeceu a presenza do alumnado, facendo fincapé na importancia desta iniciativa xa que “achegar a Universidade Sénior á nosa localidade supón favorecer o encontro e o envellecemento activo, poñendo en valor a experiencia vital e profesional, dándolles, a todas aquelas persoas que non tiveron a oportunidade de pasar polas aulas universitarias, unha ferramenta de crecemento persoal”.

A acción formativa que se levará a cabo este ano ten como obxectivo prioritario revalorizar o patrimonio cultural, social e ambiental da zona, concienciar á sociedade sobre a presenza da ciencia no día a día, e recoñecer o valor das disciplinas artísticas a través do coñecemento e as vivencias.

As materias que se impartirán a través de diferentes seminarios pertencen a tres grandes áreas temáticas: Arte e Humanidades,Ciencias Xurídicas e Sociais e Ciencias da Saúde e serán impartidas por profesorado da Universidade da Coruña, no auditorio da Casa Dopeso, os luns e os martes, de 17:00 a 19:00 horas.

Cada seminario inclúe tres sesións teóricas e unha sesión práctica con visitas a diferentes espazos de interese da contorna así como unha sesión práctica sobre nutrición.

No módulo dedicado á arte e humanidades achegaranse a figura de Michel de Montaigne da man do profesor Alberto Sucasas Peón, farán un percorrido pola figura da muller no mar co profesor Raúl Villa Carro e coñecerán máis de preto a figura de Édouard Manet coa profesora Estefanía López Salas mentres que a través do módulo dedicado á ciencia e a tecnoloxía afondarán co profesor J. Luis Calvo Rolle no binomio inquebrantable formado por ambas disciplinas , achegaranse á xeobotánica co profesor Javier Cremades Ugarte e coñeceran o que din os fósiles sobre a historia de Galicia da man da profesora Aurora Mª Grandal D’Anglade.

Finalmente no terceiro módulo do programa, dedicado ás ciencias da saúde, da man da profesora Isabel Raposo Vidal aprenderán educación para a saúde desde o exercicio físico, co profesor Miguel Santiago saberán como poñerlle cordura á alimentación e o exercicio e finalmente, as profesoras Betania Groba Martínez e Laura Nieto Riveiro abordarán o papel da tecnoloxía na saúde e na vida activa.