
Como peche da campaña do Concello das Pontes con motivo do Día Internacional da Muller, denominada Clichés, coidado con tragalos, celebrouse un novo encontro da Rede pola Igualdade, a cal fora constituída a finais do ano 2022.
A esta xornada asistiron representantes de 16 entidades do tecido asociativo pontés que compoñen o Grupo Impulsor da Rede. As organizacións asistentes foron: Aspanaes, A Xanela, Adiante, Asociación de Viúvas María Magdalena, Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios, Cáritas, Colectivo Feminista, Protección Civil, Asociación de Comercio, Hostelería e Empresarios Ponteses Cohempo, Euroeume, GDR Seitura 22, Terras do Anaris e diversas Asociacións de Nais e Pais, como a Federación Abrente, ANPA da Escola Infantil A Barosa, ANPA Outo Eume do CEIP A Magdalena e ANPA Ronsel do IES Castro da Uz.
A concelleira de Benestar Social, Igualdade, Educación e Xuventude, Tania Pardo, puxo en valor “o compromiso en prol da igualdade por parte das asociacións pontesas sendo proba disto a súa implicación e participación activa na Rede pola Igualdade”.
O encontro tivo unha finalidade dobre. Por unha parte, un dos seus obxectivos consistiu en favorecer o intercambio de coñecemento entre as entidades participantes ao redor das necesidades e retos cos que conta o municipio das Pontes en materia de igualdade, avanzando deste xeito na elaboración dunha diagnose da situación. Neste sentido, foron abordadas diferentes problemáticas, como poden ser: o reparto desigual nas tarefas do fogar e de coidados entre mulleres e homes; coas dificultades de conciliación que acarrea; as situacións de desigualdade no eido da participación cidadá e máis concretamente no asociacionismo, ou as necesidades de avanzar na educación e na concienciación para a consecución da igualdade entre mulleres e homes.
Por outra parte, o encontro contribuíu á planificación das vindeiras accións que deben ser impulsadas dende a Rede ao longo deste ano para avanzar na consecución da igualdade no municipio. A este respecto, foron varias as ideas e propostas de actividades e iniciativas que se poden levar a cabo, destacando a posibilidade de desenvolver xornadas formativas, mesas de debate ou coloquios.
A concelleira Tania Pardo destacou que “este encontro supón un paso importante para a Rede pola Igualdade, consistindo nunha sorte de folla de ruta, elaborada de forma participada, que debe guiar as accións a impulsar dende a mesma durante os vindeiros meses”. Tamén incidiu no ambiente xerado, “a través dunha serie de dinámicas participativas, o cal favoreceu a creación de sinerxías entre as entidades asistentes, así como a aparición de novas ideas e propostas de gran valor”.
Así pois, a Rede pola Igualdade avanza firmemente no seu proceso de consolidación, tan só 6 meses despois de ser creada, e segundo Tania Pardo, “a previsión é que nos vindeiros meses sexan impulsadas novas actividades dende este espazo que conten cun impacto na sociedade pontesa no eido da igualdade”.