Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca unha concentración diante do centro de saúde de Burela

Por 20 Abril, 2023Sin comentarios

A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca unha concentración diante do centro de saúde de Burela o vindeiro mércores 26 de abril ás 20.00 horas. Esta concentración, promovida por SOS Sanidade Pública, plataforma da que somos parte, realizarase de forma simultánea na maioría de localidades de todo o país.

Este acto reivindicativo , que  responde ao lema “Queremos a nosa Atención Primaria”, retoma as mobilizacións que durante meses percorreron os diferentes centros sanitarios da comarca acompañados da recollida de sinaturas en apoio da ILP de medidas urxentes para recuperar e fortalecer a Atención Primaria. O logro de máis de cincuenta mil sinaturas en todo o país culminou nunha manifestación multitudinaria  e histórica en Santiago que foi cualificada como o “ Nunca Máis da Sanidade” .

O colectivo sanitario volve poñer no foco da atención a Atención Primaria por ser o eixo central do sistema sanitario , e advirte  que o seu desmantelamento esta a producir  un xeito de reaccións en cadea que trascenden este nivel asistencial e que poñen tamén en perigo a atención hospitalaria, xa de por si moi deteriorada .

Segundo explica  Montse Porteiro, portavoz da Plataforma Sanitaria da Mariña, o goberno galego nada fixo para arranxar os problemas dos que adoece a sanidade pública e continúa a falta de persoal sanitario de todas as categorias. As nosa crianzas seguen sen pediatra , non se substitúe ao persoal sanitario con permisos ou baixas, o persoal administrativo ten unha carga de traballo inasumible sen que desde a administración reforcen a este colectivo, obrigándoos por outra banda a utilizar ferramentas de traballo que non axilizan a asistencia  pero que  si multiplican a súa carga de traballo e vulneran a intimidade do paciente. Tamén advirten desde o colectivo que estamos case ás portas do verán e esta comarca multiplicará por tres a súa poboación, sen que desde o Sergas se puxeran solucións,co perigo real de que se colapsen os dous niveis asistenciais, sen previsións de reforzar o persoal e cuns profesionais en todas as categorías que están ao límite da súa resistencia , esgotadas , maltratadas pola administración e en moitos casos  sufrindo  problemas de saúde físicos e mentais derivados de estres continuado ao que están sometidos. “ Cremos que o sistema vai rebentar e as consecuencias serán imprevisibles e desastrosas para o conxunto da sanidade pública “- explican.

Por todos este motivos desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña chaman ás veciñas e veciños  da comarca a acudir a esta concentración diante do Centro de Saúde de Burela  e amosar a nosa repulsa ante o desmantelamento que está a sufrir a sanidade pública e está a conducir á privatización da sanidade a pasos axigantados. “ Advertimos de que o experimento de privatizar tamén a Atención Primaria que o PP iniciou en Andalucía pronto chegará aquí”-conclúen.