Skip to main content
Viveiro

Viveiro quere conmemorar o Día do Libro cun concurso de fotografía

Por 20 Abril, 2023Sin comentarios

O Concello de Viveiro quere conmemorar o Día do Libro que se celebra este domingo, día 23, convidando de novo á veciñanza a participar no Concurso de Fotografía “Onde les ti?” A iniciativa, impulsada pola concellería de Cultura e a Biblioteca Municipal de Viveiro, conta coa colaboración do Centro comercial Casco Histórico de Viveiro.

“A lectura é sempre un momento especial e de evasión. Amosar ese instante mediante unha fotografía e compartilo é un xeito diferente de atraer novos lectores e de potenciar hábitos de lectura”, sinala Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura.

O concurso ten por obxecto crear unha imaxe na que apareza o recuncho preferido de cada participante para ler e na que o libro ou o acto de ler sexa o protagonista da instantánea. Esta poderá ir acompañada dunha breve descrición se o/a participante o considera oportuno.

O prazo para o envío das fotografías comeza este domingo, día 23, e finaliza o día 30.

Establécense tres categorías de participación: infantil, ata 12 anos; xuvenil, entre 13 e 17 anos; e adulto, a partir de 18 anos. Os premios serán un lote de libros cun valor de 60 euros por cada categoría e un lote de entradas para “Cines Viveiro” cun valor estimado de 100 euros por categoría.

Cada participante poderá presentar unha fotografía. Unha vez recibidas, o 2 de maio serán publicadas por categorías na páxina de programación cultural do Concello de Viveiro, onde a cidadanía poderá votar pola súa favorita ata o 6 de maio.

A fotografía que máis “me gusta” acade en cada categoría será a gañadora.

Para participar as fotografías deberán ser enviadas por correo electrónico ao enderezo da Biblioteca Municipal de Viveiro: biblioteca.viveiro@viveiro.es