Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

Este sábado o Breogán dedicará o partido a difundir o labor de Raiolas

Por 5 Abril, 2023Sin comentarios

O CB Breogán dedicará  o partido do sábado ante o Real  Madrid que se celebrará ás 19.00 horas a difundir o labor de Raiolas e sensibilizar sobre a realidade das persoas con autismo.

As redes sociais do club e os soportes publicitarios do Pazo dos Deportes darán eco durante a fin de semana a campaña Chamémoslle polo seu nome que pretende trasladar á sociedade “unha imaxe real das persoas con autismo ou transtornos da comunicación social, centrada nas
súas capacidades e dereitos”, explicou a presidenta de Raiolas Inés  Flores na presentación da campaña, xunto a Efrén Castro, deputado de Deportes, e Tito Díaz, director xeral do CB Breogán..

A campaña, que emprega como imaxe o símbolo do infinito, incide tamén en proxectar o autismo como unha condición de orixe neurobiolóxico que afecta á configuración do sistema nervioso e ao funcionamento cerebral de diferentes formas, segundo as persoas. Raiolas presta servizos de forma directa a 72 persoas e conta con 137 socios e socias.

A iniciativa desenvólvese no marco do acordo de patrocinio co que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia ao CB Breogán e que inclúe, entre outras accións, a participación do club en iniciativas de sensibilización e visibilización realizadas por entidades sociais, no fomento do deporte e dos hábitos saudables con visitas a centros educativos ou na posta en valor de recursos e espazos culturais, patrimoniais e ambientais.