Skip to main content
Baleira

José Tellado é o candidato socialista en Baleira á Alcaldía

Por 15 Abril, 2023Sin comentarios

O Concelleiro José Tellado Fernandez será o candidato do Partido Socialista á Alcaldía de Baleira nas vindeiras eleccións municipais. “Cremos que hai outra forma de facer política, por iso nos presentamos con ganas de traballar e ilusión para sacar a Baleira da parálise na que vivimos”, incidiu o candidato.

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, subliñou “o compromiso co seu pobo ao liderar por primeira vez a candidatura socialista”, e ademais faino acompañado “dun grupo de homes e mulleres que unen experiencia e ilusión e que están dispostos a traballar para reverter o retroceso que vive Baleira por un Alcalde totalmente ausente, afastado dos problemas dos veciños, e que non ten nada que ofrecer”.

José Tomé destacou, en cambio, “a implicación e proximidade que sempre demostramos os socialistas como José Tellado, con políticas pensadas para  mellorar a calidade de vida e o benestar da xente, e para favorecer o progreso económico apostando polo rural”.

Dotar a tódalas parroquias de alumeado público, actualizar as normas urbanísticas, potenciar o polígono industrial e asentar empresas, un plan de mantemento e condicionamento das estradas e construír depósitos de auga nas parroquias onde sexa necesario, serán algúns dos piares do programa electoral socialista, que xa está preparando José Tellado xunto co seu equipo.

“Tamén hai outro asunto que me preocupa enormemente, que son os nosos maiores. Actualmente o Servizo de Axuda no Fogar, que depende do Concello, conta con moito persoal de baixa, por diferentes motivos. Temos que darlle unha solución urxente a este asunto, ou ben coa creación de bolsas de emprego ou tentando atopar outras saídas coa axuda de persoal experto neste eido. Pero o que temos claro é que os nosos maiores deben ter unha atención de primeira e con tódalas garantías”, incidiu Tellado.

Sobre a súa decisión de presentarse á Alcaldía, sinala que afronta esta nova etapa “con moita ilusión, cunha candidatura na que me acompañan varias incorporacións, para facer política dende abaixo e contando con toda a veciñanza. Nós queremos gobernar para solucionar os problemas das nosas parroquias e do noso pobo, e non para vender fume e saír na foto. Nós vivimos aquí en Baleira, non estamos de visita como algún”, afirmou Tellado.