Skip to main content
Lugo

O Concello remite o acordo de paralizar as vivendas do Castiñeiro á Xunta

Por 4 Abril, 2023Abril 5th, 2023Sin comentarios

O Concello de Lugo remitiu o acordo unánime da Corporación municipal á consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no que se lle insta, a petición da veciñanza de O Castiñeiro, a que proceda a solicitar á Administración Local a modificación puntual do PXOM para limitar o uso residencial das súas parcelas, onde sigue aberto o proceso de adxudicación para a construción de vivendas sociais.

Así mesmo, no acordo se insta á Xunta de Galicia a que, de maneira inmediata, paralice oficialmente a licitación da redacción do proxecto e dirección de obra destas vivendas e que pase a executalas na primeira localización prevista, en Garabolos.

“Estaremos a vixiar o cumprimento do acordo”, incidiu o voceiro de Goberno, Miguel Fernández, que sostivo que “a Xunta xa non ten escusas para non atender as demandas veciñais”, e engadiu “que se o Goberno galego ou os representantes do PP estivesen en posición de escoita activa coa veciñanza xa non terían nin escollido unilateralmente esa ubicación nin iniciado o proceso de executar vivendas sociais na zona máis sobresaturada de Lugo, máxime despois de estar 15 anos sen levantar unha soa vivenda pública en Lugo a pesar da demanda. Desde logo, o que esta situación puxo sobre a mesa é o enorme descoñecemento que tanto o PP como a propia candidata popular teñen dos barrios da cidade”.

Fernández insistiu en que a Consellería, se tivese vontade política, xa podía ter paralizado oficialmente o proceso de licitación das vivendas en O Castiñeiro ao ser seus os terreos e ter máis parcelas onde executalas, “e non o fixo. Esa é a realidade”.

“A alcaldesa, Lara Méndez, mantivo numerosas reunións coa veciñanza de O Castiñeiro por este tema – sostivo o voceiro – e sempre lle pediron que buscase unha fórmula para blindar que neses terreos se levanten vivendas. Por iso, Lara Méndez tendeulle a man á Consellería para modificar o PXOM, pero debe ser a propia Xunta de Galicia quen o solicite ao ser a propietaria das parcelas”, comentou.

2,2 millóns de dotacións municipais nos últimos meses

No acordo Plenario, tamén se recolle o compromiso de estudar as demandas que traslada a veciñanza, “o que desde o Executivo de Lara Méndez sempre estivemos a facer e, froito desta escoita, acabamos de gastar 1,2 millóns de euros en abrir un novo centro polivalente e interxeracional que, ademais dos espazos para asistencia social, inclúe zonas multiusos para actividades de toda a cidadanía e dos diversos colectivos; 60.000 euros na nova pista polideportiva; máis de 500.000 euros na mellora dos espazos peonís e agora mesmo está a licitación a renovación integral dos parques infantís por 365.000 euros, é dicir, investimos máis de 2,1 millóns de euros neste barrio nos últimos meses. Axiña anunciaremos máis accións e mentres, a Xunta que fixo en O Castiñeiro?”.

Miguel Fernández lémbralle a conselleira que actualmente, “nas parcelas que ten pode executar xa unha gardería, un centro de día ou un centro de maiores, entre outras moitas dotacións que son da súa competencia e que tan necesarias son para esta zona”.