Skip to main content
Lugo

Unha trintena de colectivos lucenses asinan un manifesto contra a Rolda Leste

Por 10 Abril, 2023Abril 11th, 2023Sin comentarios

Unha trintena de colectivos ambientalistas, sociais e culturais e partidos políticos de Lugo e de toda a provincia veñen de asinar un manifesto na defensa do val do río Rato, pulmón verde de Lugo, ameazado polo proxecto de construción da Rolda Leste. Unido a este manifesto dan comezo a unha campaña de recollida de firmas online para todos os colectivos e persoas individuais que desexen unirse.

Ademais inician tamen unha campaña de rúa para informar a todas as persoas dos impactos que esta autovía produciría de forma irreversíbel sobre o val do río Rato e a cidade de Lugo.

No seu manifesto declaran “os colectivos e persoas individuais asinantes opoñémonos á construción da rolda leste porque sería unha infraestrutura innecesaria altamente custosa. Esta autovía foi proposta para unha cidade de máis de 250.000 habitantes prevendo que a poboación de Lugo no ano 2020 sería de 115.000 habitantes cando a día de hoxe non chega aos 100.000”.

Ademas engaden que “as vías existentes teñen capacidade para asumir o tráfico da cidade e non hai ningún estudio de mobilidade que xustifique a construción desta autovía e no que se avalíe a repercusión que vai ter sobre a mobilidade da cidade”.

Dende os diferentes colectivos consideran que a Rolda Leste é “unha infraestrutura con alto impacto ambiental, o trazado proxectado causaría un impacto irreversible sobre unha das zonas máis valiosas de Lugo e crearía unha fronteira de asfalto, fragmentando o territorio e provocando a consecuente degradación dos bosques autóctonos da zona, así como dos camiños históricos e todo o patrimonio asociado, degradaneo totalmente a paisaxe dunha zona privilexiada e protexida dentro do Plan Especial de Protección do Río Miño (PEPRIM)”.

Lugo é a única capital de provincia da Península Ibérica que ten o privilexio de estar dentro dunha Reserva da Biosfera que “quedaría profundamente afectada”.

A tramitación da Rolda Leste “non ten garantías ambientais, a Xunta da por válida a declaración de impacto ambiental de hai 19 anos e as  modificacións no trazado como a construción dun terraplén de 23 m de altura (é dicir coma un edificio de 7 plantas de altura) no rego Samai non son avaliados ambientalmente” e engaden que tampouco se adapta aos requirimentos ambientais actuais, nin foi avaliada no seu momento a afección a especies ameazadas”.

Esta obra está pensada para unha maior poboación e polo tanto a “infraestrutura afectaría á poboación urbana e rural de Lugo, os núcleos de Bosende e Barbaín serían zona de sacrificio, e quedarían recluídos entre dúas vías de alta capacidade, con apertura de pistas innecesarias, destrución de vías de comunicación existentes, da identidade, da etnografía e da paisaxe”.

Estas asociacións tamén denuncian que o proxecto da Rolda Leste é “anticuado e vai en contra da mobilidade sustentable e adaptación ao cambio climático, este proxecto destruiría o pulmón verde de Lugo, indo en contra das premisas de mobilidade sustentable que se propoñen no Plan de Acción Lugo Cidade Verde, na Axenda 2030”.

Para finalizar o manifesto sinala que “a Rolda Leste podería afectar negativamente ao turismo xa que este proxecto suporía a destrución do val do río Rato e da calidade paisaxística tal e como hoxe a coñecemos. Na actualidade este parque periurbano na Reserva da Biosfera Terras do Miño é segundo TripAdvisor, un dos destinos preferidos das persoas que visitan a provincia de Lugo. Así mesmo a vía proxectada atravesaría de feito irreversible a vía Künig e a Vía Romana XIX ao seu paso por Lugo”.

Asinan este comunicados os seguintes colectivos: Adega, Sociedade Micolóxica Lucus, Asociación as carballeiras de Bosende, Paredes e Anguieiro, Asociación Foliada de Bosende, Asociación cidadá contra a letra pequena – CONLUPA, Amigos do Paseo do Rato, Asociación Galega de Custodia do Territorio, Asociación Morcegos de Galicia, CIG Lugo-A Mariña, Asociación ecoloxistas en Acción Galiza, Plataforma Social Vía Galega, Club Cultural Valle-Inclán, Asociación Lugo Patrimonio, Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, Sindicato Labrego Galego (SLG-CCLL), ANPA Rosalía de Castro, Asociación Bosque Sagrado de Lugo, Plataforma Feminista de Lugo, Asemblea de Humanidades, COMPASSES, Asociación Cultural Rente ao Couce, Asociación A Monte, CS Mádia Leva, CSA A Hedreira, A Solaina, Bloque Nacionalista Galego, Esquerda Unida Lugo, Circulo Podemos Lugo, Podemos Galicia, Ciudadanos Lugo, Grupo Municipal Ciudadanos Lugo.