Skip to main content
Lugo

A curtametraxe ‘Amor Viaxeiro’ triunfa na súa estrea en Lugo

Por 12 Abril, 2023Sin comentarios

O Centro de Formación Audiovisual da Deputación estreou en Lugo a curtametraxe Amor Viaxeiro premiada por Netflix e Turespaña no concurso Cómo dirías que es España sin decirlo. A película realizada por alumnado do centro dependente da institución provincial, baixo a titoría do equipo docente e supervisada polos convocadores do certame, recibiu o caloroso aplauso do numeroso público que ateigou o Salón de Actos do Pazo de San Marcos.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou na premiere en Lugo, á que asistiron membros das entidades lucenses AFALU e ALAS, da Federación de Asociacións de Veciños, de Produtoras de Audiovisuais galegas e do Grupo Cinematográfico Fonmiñá, xunto a alumnos e alumnas de Secundaria lucenses, e os estudantes do CFA e as súas familias.

Rivera Capón animou aos futuros profesionais do sector audiovisual, aos que queda un trimestre para rematar os seus estudos, a manter a liña de traballo que distingue ao Centro de Formación Audiovisual da Deputación, da que resultan creacións recoñecidas a nivel nacional como Amor Viaxeiro ou o documental No se Oye.

Os autores de Amor Viaxeiro, Lucas Alba, Mario Bello, Miguel Bouzas, Sara Casanova, Erea Díaz, Mateo Longa e Paula Vilariño, supervisados polo seu titores, Hugo Fernández e Iago Viana, recibiron un premio de 7.000€ para a produción, filmación e prostprodución da curta que rodaron en galego.

O audiovisual, proxectado xa na pasada Feira Internacional de Turismo (FITUR) en Madrid, narra a historia de Uxía, unha moza que viaxa pola provincia de Lugo e outras zonas de Galicia na procura de lugares que forman parte dos recordos da súa avoa. Pablo Rivera salientou que “a cinta consigue emocionar cun guión que aborda o alzhéimer e dá visibilidade ao colectivo LGTBI, ademais de destacar a singularidade do territorio, do patrimonio e da poboación galega, axustándose aos requisitos do certame de Netflix e Turespaña”.