Skip to main content
Lugo

Aprobada a totalidade do PXOM de Lugo

Por 12 Abril, 2023Abril 13th, 2023Sin comentarios

Culmina o procedemento para a aprobación da totalidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo que será definitiva e completa este mes de abril.

A Xunta de Goberno local daba o visto bo esta mañá ao proxecto de revisión do PXOM, incorporando xa a documentación xustificativa do cumprimento dos condicionantes aos que a Consellería de Medio Ambiente supeditaba a súa valoración favorable ao texto.

Dáse, por tanto, cumprimento ás especificacións do informe autonómico emitido o pasado mes de setembro, finalizando así a ordenación urbanística da totalidade do ámbito territorial de Lugo que non fora obxecto de aprobación en 2011 e para cuxa entrada en vigor só resta a validación no Pleno deste mesmo mes e a posterior publicación e remisión á Xunta para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

“É, sen ningún tipo de dúbidas, un fito para o crecemento racional e sustentable do municipio, que permitirá o desenvolvemento de todo ese chan que arrastraba máis dunha década de incertezas administrativas, freando o aproveitamento do territorio, dunha forma moi significativa no ámbito rural, pero tamén coartando a súa expansión industrial”, sinalou a alcaldesa Lara Méndez.

A rexedora lembrou que as zonas afectadas pola parte aínda inconclusa do Plan ascendían a un total de 70 núcleos rurais das parroquias (21) de Teixeiro, Mazoi, Santa María de Muxa, San Salvador de Muxa, San Pedro de Muxa, Tirimol, Ombreiro, Vilachá de Mera, Adai, Pedreda, Santa María de Bóveda, Alta, Alto, Piúgos, Esperante, San André de Castro, Coeo, Coeses, Lamas, Mera e Piñeiro.

“Esta aprobación permitirá, só no rural, o desenvolvemento de 915.000 m2 de solo urbanizable delimitado e doutros 985.000 m2 de chan urbanizable delimitado periurbano cunha capacidade de uso residencial para 7.750 vivendas, das que un 35% serán públicas. Posibilitando, alén, a transformación de 1.364.000 m2 máis de solo urbanizable industrial para a implantación de actividades económicas. Será, por tanto, un revulsivo para o tecido produtivo local que reactivará os sectores vinculados á construción pero que tamén permitirá a moitas empresas asentarse e ampliar as súas instalacións e a moitas familias atopar postos de traballo e un lugar axeitado para establecerse”, incidiu Méndez.

A alcaldesa referiu, así mesmo, que a aprobación do 5% do PXOM permitirá a creación de sistemas xerais e dotacións locais que se materializarán en servizos a disposición da comunidade a razón de  412.455 m2 de zonas para equipamentos e dotacións, 933.268 m2 de espazos verdes e libres, 77.753 m2 de viarios para a interconexión do territorio.

“Falamos de estradas que mellorarán a conectividade e os desprazamentos polo municipio, de xardíns, parques e novos puntos de encontro para o ocio e a práctica deportiva, a socialización e o lecer. Infraestruturas que contribuirán a estender as prestación públicas a todos os puntos da localidade, mellorando así a calidade de vida da veciñanza e favorecendo o asentamento poboacional e a creación de novas zonas industriais e de equipamentos”, sostivo a alcaldesa lucense.

No ano 2011 cando a Consellería de Medio Ambiente estableceu consideracións para 70 núcleos dos 300 dos que se compón o municipio e para 17 urbanizables das 65 que contemplaba o Plan. Ante isto, o Concello presentou nova documentación que foi aprobada en Pleno en 2012 pero que, de novo, a Consellería de Medio Ambiente volveu paralizar cun informe da Confederación Hidrográfica Miño – Sil que solicitou, até en dúas ocasión, estudos Hidrolóxicos – Hidráulicos dos ámbitos en suspenso.

Non sería até 2019 cando a Institución local obtivo o visto bo definitivo por parte do organismo da Cunca e, a partir de ese momento, o equipo redactor estivo a traballar para adaptalo ao PXOM. Unha documentación que foi informada polos Servizos Municipais e aprobada en Pleno en xullo de 2020 e que, logo de ser avaliada pola Consellería de Medio Ambiente, foi preciso subsanar en determinados aspectos, xa resoltos.