Skip to main content
Lugo

A coalición Podemos Esquerda Unida propón a creación dunha Oficina de rehabilitación municipal en Lugo

Por 17 Abril, 2023Abril 19th, 2023Sin comentarios

Podemos e Esquerda Unida inciden na necesidade de “rehabilitar vivenda en Lugo, pois o proxecto de cidade que temos implica a integración da veciñanza, comercio, empresas, servizos, zonas de lecer, deportivas e de esparexemento de forma conectada e coherente, unindo o rural e o urbano e facilitando, deste xeito, que non haxa áreas degradadas e cidadáns de primeira ou de segundo, en función de onde vivan”.

Para a candidata Chus Rodríguez, “o noso modelo de cidade pasa pola compactación de Lugo, cubrindo e dando uso aos baleiros urbanos, como os que actualmente temos, pois as políticas urbanísticas de Lugo, desde hai tempo, están a favorecer a construción en determinadas zonas máis afastadas dos núcleos poboacionais, espallando cara ao extrarradio a edificación e derivando tamén ás empresas aos polígonos industrias, para logo crear urbanizacións que conecten con elas, polo tanto, nun sentido inverso ao que debera ser”.

Segundo informan dende a coalición “hai unhas semanas o Concello de Lugo anunciaba a creación dunha suposta oficina de rehabilitación para os barrios da Milagrosa e Feijoo, degradados xa desde hai tempo, entre outras razóns pola formulación do actual PXOM, do cal está aprobado o 95% desde o 2011, pero que non cubre as necesidades da poboación actual. Este proxecto anunciado recentemente polo Concello ven sendo o de elaborar un estudo, a cargo a empresa de arquitectura GAU, e non é, como tal, unha oficina de rehabilitación, a cal carecemos na nosa cidade”.

A rehabilitación no barrio da Milagrosa, implica, segundo manifesta Rodríguez, “unha formulación seria e un estudo real das necesidades da poboación alí residente, que inclúa un plan de realoxo das veciñas e veciños afectados polas obras de rehabilitación”.

Ademais, anunciar polo actual goberno do Concello, a rehabilitación no barrio Feijoo, é, para Rodríguez, “un brinde ao sol, pois precisamente dito barrio está afectado de tal forma polo PXOM, que, de non modificarse éste, o cal nos consideramos necesario, non podería ser tocado de forma algunha e, por tanto, non é posible a rehabilitación na actualidade, polo que urxe modificar ou elaborar un novo Plan Xeral para corrixir os erros actuais”.

Xa hai días, a candidata á alcaldía de Lugo, Chus Rodríguez manifestaba “a necesidade de rehabilitar vivenda e non construír ata o infinito, pois Lugo sí precisa de vivendas sociais, de vivenda protexida, para as persoas en situación de vulnerabilidade e para as rendas máis baixas, que non poden acceder a unha vivenda en condicións normais na actualidade”.

Ademais, Rodríguez remarcaba que “é imprescindible para poder establecer un plan de rehabilitación, facer unha análise detallada da situación da vivenda en Lugo, comezando por un censo de vivendas baleiras, algo que levamos anos demandando desde as nosas organizacións”.

Neste sentido, Chus Rodríguez, adiantaba xa, como alternativa á construción de nova vivenda social en Lugo, que “no noso programa propoñemos elaborar un estudo detallado de vivendas baleiras e, unha vez identificados os propietarios e os motivos do abandono desas vivendas e edificios, elaborar un plan de rehabilitación nos casos precisos e mercar vivenda pública”.

Para levar a cabo este traballo, Podemos Esquerda Unida propón “a creación dunha Oficina de Rehabilitación Municipal, en coordinación con outras administracións, para toda a cidade, que abranga todas as áreas de rehabilitación integral (ARI) de Lugo”. A dita oficina, segundo Rodríguez explica “ademais de facer o censo de vivendas baleiras, tería tres grandes funcións: a de capacitar e potenciar a rehabilitación, a de formar oficios, relacionados coa rehabilitación, reconstrución… e a de investigación no desenvolvemento de técnicas de construción, conservación…”, unha oficina que, tal e como aclara, “vaia máis alá de ser unha tramitadora de subvencións”.