Skip to main content
Lugo

A cidadanía de Lugo reciclou no primeiro trimestre do ano 16 toneladas de téxtiles

Por 24 Abril, 2023Sin comentarios

A concellería de Medio Ambiente informou que, dende a implantación, a principios de ano, na cidade dos colectores de roupa usada, o servizo municipal de limpeza Luce Lugo leva recollido máis de 16 toneladas (16.252 kilos) deste tipo de residuos, a razón de 368 kg en xaneiro, 2.574 kg en febreiro e 13.310 kg en marzo.

O tenente de alcaldesa e responsable de área, Miguel Fernández, puxo en valor a colaboración da cidadanía lucense para desfacerse “dunha forma responsable de prendas e calzado que xa non poñían pero que agora poderán seguir resultando útiles, dándolles unha segunda vida”.

“Unha concienciación que – á vista dos datos – se incrementa progresivamente a medida que a poboación vai coñecendo a existencia deste novo recurso municipal, cómodo e permanente”, engadiu o concelleiro.

Miguel Fernández lembrou o patrón de aproveitamento medio que resulta da xestión ambiental deste tipo de refugallos, cuxa reciclaxe selectiva implica tamén un aforro dos custos municipais de recollida e eliminación de residuos urbanos, unha mellora da contorna e unha diminución do impacto ecolóxico que implicaba desbotalos inadecuadamente.

“Así, en torno a un 64,1% das pezas e complementos poderán destinarse á venda en mercados almacenistas exteriores para a súa comercialización como roupa usada ou de segunda man xa que se atopan en bo estado. En cambio, un 15’8% do recollido nos colectores presenta roturas ou un elevado desgaste que non posibilita a súa reutilización. Estas prendas, cuxa composición en algodón mantén un elevado poder de absorción, destinaranse ao partido para trapos de limpeza industrial, mentres que o 9’8% restante – que non ten utilidade directa – será xestionado para o seu aproveitamento enerxético”, explicou Miguel Fernández.

A implantación destes contedores, 75, que se colocaron en todos os barrios da cidade e que cumpren coa normativa europea aplicable en deseño en construción, enmárcase nas actuacións postas en marcha co novo servizo de limpeza e recollida de lixo da cidade, Luce Lugo dentro do que tamén se incluíu a instalación de recipientes de aceite doméstico, cunha capacidade de 240 litros cada un, nunha iniciativa pioneira en Galicia.