Skip to main content
Negueira de Muñiz

Comezan en Negueira as xornadas Ciencia na Aldea

Por 29 Abril, 2023Maio 1st, 2023Sin comentarios

Onte comezou a terceira edición das Xornadas de Desenvolvemento Rural Ciencia na aldea, organizadas pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo e a Asociación Corripa no ecomuseo El País del Abeyeiro, en Negueira de Muñiz.

Os bosques centraron a primeira xornada, que contou con intervencións do presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e investigador do CSIC Serafín González Prieto, que abordou a problemática dos lumes forestais, e de María Melero, responsable do Programa Bosques, de WWF Adena, que tratou os retos de presente e futuro destes espazos naturais. Ademais, cun enfoque máis cultural, o presidente da Fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira falou da presenza da temática natural na obra da autora de Follas Novas.

Oitenta persoas inscribíronse para participar no encontro, que se celebra ata o domingo no ecomuseo El País del Abeyeiro e que suliña a importancia dos entorno rurais para a conservación da biodiversidade.

A xornada do sábado céntrase en figuras pioneiras ou historicamente relevantes no estudo, conservación e divulgación da biodiversidade a nivel mundial como o cartógrafo Félix de Azara, pioneiro en documentar a biodiversidade de América do Sur; o científico Charles Darwin, que teorizou sobre a evolución das especies e a selección natural; o xeógrafo, naturista e explorador Alexander Von Humboldt, pioneiro do pensamento ecolóxico; o naturalista Carlos Linneo, que desenvolveu a nomenclatura científica de animais e plantas ou a entomóloga e ilustradora Maria Sybilla Merian. O programa inclúe tamén mesas redondas sobre divulgación científica e comunicación de temáticas relacionadas co rural e a conservación medioambiental.

O domingo está prevista unha xornada de portas abertas con paseos guiados polo Xardín de Polinizadores Fernando Fueyo, inaugurado nas xornadas do ano pasado, e polo nomeado como “Souto de Humboldt”, un bosque de castiñeiros centenarios na contorna do ecomuseo de El País del Abeyeiro que a Asociación Corripa está a poñer en valor como espazo de biodiversidade e memoria con ilustracións de David Despau.