Skip to main content
Monforte

Mellórase a estrada LU-617 na contorna do cemiterio de Monforte de Lemos e do CEIP A Gándara

Por 3 Abril, 2023Sin comentarios

Comezan as obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade peonil na estrada LU-617 na contorna do cemiterio de Monforte de Lemos e do CEIP A Gándara a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que se acometen os traballos previos para comezar coa demolición do pavimento actual despois das vacacións de Semana Santa.

A actuación conta cun orzamento de case 40.000 euros e consistirá na construción dunha senda peonil nun tramo de 200 metros (entre os puntos quilométricos 0+600 e 0+800), completando así un itinerario seguro dende o acceso ao cemiterio ata a rúa María Paz de Tor, na que se atopa o colexio público da Gándara.

As obras incluirán a pavimentación das beiravías con 25 centímetros de grava de canteira e 15 de formigón continuo, reforzado con mallazo. Colocarase, ademais, un bordo prefabricado de formigón de 22×15 centímetros en toda a lonxitude das beirarrúas. Tamén se executarán pasos de peóns e colocarase pavimento táctil na execución dos vaos.

Ademais, para a recollida das augas superficiais prevese a execución de sumidoiros ao longo da traza, que se conectarán á rede de pluviais existente. Prevese, ademais, a canalización do alumeado público e dun prisma de catro tubos para a rede de telecomunicacións, coas súas arquetas correspondentes.

O delegado territorial afirmou que, tras esta primeira actuación, a Xunta seguirá traballando para mellorar a seguridade noutros puntos da estrada ao seu paso por esta zona urbana, que é moi transitada polos peóns.