Skip to main content
Pantón

Presentouse a XXVIII Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, que terá lugar os 13 e 14 de maio

Por 27 Abril, 2023Sin comentarios

A XXVIII Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, que terá lugar a fin de semana do 13 e o 14 de maio, foi presentada nun acto na Delegación Territorial da Xunta en Lugo.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, acompañado do alcalde de Pantón, José Luis Álvarez -e doutros representantes da organización- participou na presentación da feira, na que este ano participarán nove adegas, a segunda que se celebra como Festa de Interese Turístico de Galicia, unha declaración que obtivo en 2022.

A degustación de caldos irá acompañada de actuacións musicais durante as dúas xornadas e doutras actividades como a entrega de premios do VIII Concurso Fotográfico Red Ribeira Sacra – Viticultura Heroica. Ademais, o sábado terá lugar a VI Romaría da Empanada, na que se poderá desfrutar deste produto típico no recinto feiral.

Arias salientou que a festa de Pantón “enxalza ante milleiros de persoas a excelencia dos viños da Ribeira Sacra, froito do esforzo realizado polos colleiteiros e adegueiros desta denominación de orixe”. Así mesmo, “constitúe unha ocasión inmellorable para visitar a zona e desfrutar dos seus excepcionais recursos vinculados ao mundo do viño, como a paisaxe e a gastronomía”, engadiu.