Skip to main content
As Pontes

“As Pontes está no punto de mira de moitos proxectos industriais”

Por 16 Abril, 2023Abril 17th, 2023Sin comentarios

Valentín González Formoso, alcalde e presidente da Deputación da Coruña.

A pregunta é obrigada? Despois de moito debater volve presentarse este ano malia as voces que din que acumula moitos cargos?

Hai que aproveitar para explicarlle á cidadanía que para ser presidente da Deputación, hai que ser concelleiro ou alcalde, eses cargos son ineludiblemente obrigatorios. A parte orgánica do partido xa é outra cuestión distinta, e como pensar que Pedro Sanchez, que é presidente do Goberno de España, acumula moitos cargos por ser tamén secretario xeral do partido socialista. Creo que eu que é bastante máis difícil as responsabilidades que ten el que as que me toca levar a min, non sendo estas doadas.

Pero en calquera caso, eu creo que, primeiro enriquece moito os dous mundos. Eu creo que o municipal e o autonómico é imprescindible que teñan vasos comunicantes permanentes, un deles agora mesmo son e. Hai outras persoas, pero un deles son eu. Se fai unha mellor política autonómica cando se coñece a realidade municipal, que é onde se aplica a lexislación que realmente se dirixe ás persoas e ás veces esa falta de comunicación fai que se aproben leis que son de competencia autonómica pero de aplicación nos concellos para os cales non se prevé nin solución práctica nin tampouco financiación, descoñecendo cal é a realidade da capacidade e recursos dos concellos de Galicia. Polo tanto eu creo que esta intercomunicación eu a percibo como moi enriquecedora.

En segundo lugar hai un compoñente de delegación nos equipos das institucións nas que traballo, polo tanto eu creo que nese sentido temos construído unha moi boa equipa polo tanto imos continuar facendo o que estivemos a facer ata o de agora que é compaxinar precisamente esas dúas responsabilidades.

Fáganos un balance da lexislatura que está rematando.

O balance ten moito que ver cunha lexislatura moi convulsa, coa solicitude de peche por parte de Endesa da central térmica, unha instalación que ten unha presencia moi importante na vida, non só das Pontes, senón de toda a comarca e polo tanto supuxo unha situación moi convulsa socialmente, coa xeración de incertidumes de todo tipo.

A cuestión é que se formulou non como unha decisión transicionada senón como unha decisión de súpeto, dado que se estaba transformado a central, facendo unha inversión multimillonaria para adaptala á normativa europea de emisións co cal nada facía prever que ocorrera o que ocorreu. Polo que esta lexislatura veu moi marcada por esa decisión que nos obrigou a estar moi atentos ás liñas de transición xusta, á redacción do convenio de transición ecolóxica co Ministerio e despois a mobilizar Roma con Santiago na busca, na facilitación e na captación de proxectos industriais na nosa vila, grandes, pequenos e medianos, non renunciando a ningún proxecto por pequeno que fora nin pechando portas a ningún proxecto por grande que parecera.

Eu creo que esas son as dúas grandes liñas sen esquecer esa continuidade da revolución urbanística nun concello ben descoñecido para aqueles que se foron da nosa vila hai 20 anos e que hoxe volven e atopan unha vila que aposta pola accesibilidade, o deseño urbano, que ten practicamente todas as rúas remodeladas, que está remodelando todos os seus equipamentos e practicamente non queda ningún por facer, o último precisamente se está a facer agora mesmo que é a praza de América. Polo tanto aceleramos enormemente a inversión, podemos falar que este mesmo ano imos investir 12 millóns de euros en obra pública que está moi por riba da media doutros concellos, xa non do noso estrato de poboación senón de algún nun estrato superior.

De que proxecto se sente máis orgulloso?

“As Pontes foi moi maltratada en investimentos pola Xunta, xa que non desenvolveu na vila nin un só metro de chan industrial”

Eu creo que de ser capaces de facer que o pobo, primeiro deixara a división que tivo noutros tempos, unha división política que facía irrespirable o ambiente do pobo, fai 18 anos. E por outra parte o novo modelo urbanístico que fixo que As Pontes por fin, podemos dicir, que é un pobo bonito. Máis alá de que o urbanismo construtivo é máis difícil de resolver o urbanismo dos espazos públicos é un urbanismo exemplar, moi difícil de encontrar en ningún ensanche ou casco urbano. O casco urbano das Pontes é, desde o punto de vista de espazos públicos, de vías, de prazas públicas, de equipamentos e de edificios, un concello exemplar. Polo tanto eu creo que eses dous proxectos marcaron o noso goberno.

Pechou Endesa, pero a industria segue crecendo.

Si, a verdade é que As Pontes, como levamos dicindo moitos anos, conta con moitas características que a fan un destino moi apetecible para a industria pesada. Primeiro é a mentalidade industrial que ten a vila, que acolle calquera proxecto de carácter industrial  cos brazos abertos. A segunda, a formación persoal da sociedade pontesa, que ten un forte arraigo coa industria a nivel formativo. Terceiro, a dispoñibilidade de elementos tan esenciais como a abundancia de auga crúa para procesos industriais, temos tres embalses, e un deles, o lago, con máis de seiscentos hectómetros cúbicos, polo tanto é unha potencialidade enorme para abastecer a moitos proxectos industriais.

Por outra parte, temos capacidade de subministro enerxético dabondo, estamos próximos a unha instalación estratéxica como é o porto exterior de Ferrol, que nos conecta coas grandes rutas marítimas comerciais do mundo, e por autovía. Tamén estamos preto de centros educativos, primeiro de formación profesional da nosa vila pero tamén de centros universitarios técnicos como a escola de enxeñeiros navais ou a escola de enxeñeiros industriais do propio Ferrol.  Polo tanto, creo que esas potencialidades fan que As Pontes esté agora mesmo no punto de mira de moitos proxectos industriais que son ademais en sectores estratéxicos de Galicia como o forestal, automóbil, enerxético, nos combustibles verdes e polo tanto a verdade é que dá gusto contar con eses sectores e agora a nosa preocupación é que se concreten todos da mellor maneira posible, da maneira mas áxil para facilitar a implantación aos promotores.

Fíxose tamén unha aposta forte polo turismo, co lago como centro de ocio. Supoño que é un valor importante para impulsar o turismo?

Era un aspecto ao cal viviamos alleos nas Pontes, eramos un pobo netamente industrial despois de abandonar en boa medida o mundo agrícola a pesar de que tiñamos e temos duascentas explotacións agrícolas pero non son do calado das que se poden atopar nas zonas agrarias e gandeiras de Galicia. O turismo pasaba exactamente igual, era unha vila que tiña totalmente abandonada esa faceta. Creo que o lago obríganos precisamente a explotar esa faceta, a que serva tamén de piar para os servizos da nosa vila, para o sector da restauración e da hostalaría e ir ofertando o lago como espazo lúdico, espazo deportivo, que creo que vai el mesmo buscando a súa propia vida, a súa propia dinámica contando para moitas disciplinas deportivas e loxicamente coa anuencia e a implicación do Concello.

“As Pontes, como levamos dicindo moitos anos, conta con moitas características que a fan un destino moi apetecible para a industria pesada”

Como se fai para unha vida cultural que non ten nada que envexar a cidade e capitais de provincia?

Ata temos cine comercial, estréase o cine ao mesmo tempo que na Gran Vía. A verdade é que temos a sorte de ter unha vida cultural importante e unha esixencia da sociedade pontesa. Temos unha boa equipa en cultura e agora mesmo penso que somos referencia no ámbito cultural e deportivo en moitas zonas de Galicia. Co cal para nós é unha das bandeiras do traballo, a protección social e a da cultura son as bandeiras nas que nos facemos máis fincapé. No tema social, estanse a desenvolver distintos programas sociais, bastante pioneiros nalgúns casos. No ámbito da igualdade, da protección da igualdade efectiva entre homes e mulleres, na conciliación familiar, na protección das vítimas de violencia de xénero nos fomos os primeiros en adherirnos ao sistema VioGen de protección ás vítimas, fomos os primeiros en facer programas de educación familiar, de educación en valores cívicos. Para nós a sensibilidade nesa área é unha aposta por unha sociedade mellor, eu creo que non hai mellor educación a un fillo ou unha filla precisamente que eses valores queden integrados no seu ser dende moi pequeno. Eu creo que temos que falar diso permanentemente, falar facendo pedagoxía de que significa apostar por eles e, polo tanto, no concello de forma transversal dende o departamento de igualdade, as políticas de igualdade están pensadas, copiamos moito onde están a facelo ben, nós adherímonos a moitos programas da Deputación e da Xunta neste eido, colaboramos con colectivos que teñen que ver coa igualdade e polo tanto é unha constante que non abandonamos nin imos abandonar nunca.

Que necesidade ten o concello a día de hoxe?

A primeira de todas é xa industrial. As Pontes eu creo que é moi maltratada nese senso por parte da Xunta. Creo que hai concellos con chan industrial desenvolvido por parte da Xunta pero o concello das Pontes non ten nin un só metro. Todo foi feito con fondos mineiros, fondos de Endesa ou fondos propios, pero nunca tivemos a sorte de que a Xunta fora xusta coas Pontes e a dotara con infraestruturas decentes. As estradas que se fixeron nas Pontes, incluída a autovía está financiada con fondos mineiros que lle correspondían ás Pontes por ter mina, pero as infraestruturas de acceso, dende Cabanas, Ortigueira, están feitas con fondos mineiros o cal non deixa de ser unha auténtica inxustiza e por iso reclamamos mellores accesos ás pontes, concretamente un mellor acceso, que sería a estrada 641 das Pontes a Cabanas, que se convertera nun corredor desdobrado que nos permitira, sobre todo ante o maremagnun de proxectos  industriais que se aveciñan, ter unha conexión co aeroporto e conexión con Coruña que sexa moitísimo máis moderna.

E nada máis?

Podería dicir que hai residencias de anciáns públicas en moitos sitios e nas Pontes non, por exemplo. En Vilalba hai polígono industrial, feito pola Xunta, a autovía tamén pasa por Vilalba feito pola Xunta de Galicia con fondos propios, nas Pontes como había fondos mineiros, que se apañen, nós pagamos impostos como os demais.

Cales son os proxectos de cara ao futuro?

Primeiro o desenvolvemento de chan industrial, a continuidade en todo o que ten que ver co desenvolvemento urbanístico da vila, a aprobación do Plan Xeral, pensando sobre todo no rural, e adoptar unha solución respecto aos maiores en canto a algunha cobertura no ámbito residencial.