Skip to main content
BurelaMar AMARIÑAXA

O porto de Burela converteuse máis que nunca na capital do mundo da pesca e a náutica, gracias a Expomar

Por 11 Maio, 2023Sin comentarios

O Porto de Burela acolle ata este sábado ao mediodía a XIX  Feira Expomar, as XXX Xornadas Técnicas, o XXIV Encontro  Empresarial e diferentes actividades relacionadas cos sectores  náutico e pesqueiro.

Así, onte foi inaugurada a 19ª  edición da Feira Expomar, e dende a Xunta de Galicia enxálzase o papel da Fundación Expomar, xa que tanto a Feira  Monográfica como as Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial son clave para  conseguir propostas en favor do futuro do sector, na busca de solucións aos desafíos da  frota galega como a descarbonización ou a remuda xeracional.

Pola súa banda, Alfredo Llano, rexedor local, puxo en valor a importancia do sector pesqueiro como un  factor esencial para a economía e tamén para a saúde, como quedou demostrado  durante a pandemia e como se puxo de manifesto nos últimos eventos organizados pola  Fundación Expomar nos últimos anos, como as xornadas sobre nutrición “Come San,  Come Peixe” en decembro de 2021 ou as xornadas de nutrición e saúde mental “Mens  Sa in Corpore San”, en abril de 2022.

Xa pola tarde, do mesmo xeito que na feira de 2019, o Consello Galego de Pesca cambiou a súa habitual sede en Santiago para reunirse en Burela dentro do marco de  Expomar. Presidido pola Conselleira do Mar, o salón de actos de Armadores de Burela  reuniu aos principais representantes da pesca en Galicia para tratar os temas de maior  interese para o sector.

Ao finalizar o pleno do Consello Galego de Pesca, continuando as accións iniciadas o  martes día 9 polo “Día de Europa”, realizouse unha concentración simbólica dos  asistentes como xesto de protesta do sector pesqueiro galego contra as políticas  pesqueiras da Comisión Europea.

Esta nova edición da Feira Expomar promete superar todas as marcas de anos anteriores  e presenta un programa de actividades moi completo, que inclúe desde exposicións de  barcos dentro da feira ata as citas anuais máis imprescindibles para o sector profesional,  como as Xornadas Técnicas ou o Encontro Empresarial, que se celebrarán desde o  xoves.

O Encontro Empresarial de Organizacións Profesionais celebrarase de forma privada  na mañá do xoves nas instalacións de Armadores de Burela, reunindo a máis de vinte  entidades máis representativas da frota galega e outras asociacións nacionais. Tras  analizar a situación xeral do sector pesqueiro, ao redor das 13:30 presentaranse aos  medios de comunicación as conclusións desta edición.

Como é habitual, as Xornadas Técnicas celebraranse no salón de actos da Confraría de  Pescadores de Burela e dividiranse en dous días. Despois da apertura a cargo da  conselleira do Mar da Xunta de Galicia, a primeira xornada, que terá lugar na tarde do  xoves 11, tratará sobre “Xestión Pesqueira”, con especial atención ás leis de pesca  marcadas pola Unión Europea. A segunda xornada, na mañá do venres 12, “Socio  Economía” versará sobre temas máis sociais, de comercialización e alimentación.

Esta semana o porto de Burela convértese máis que nunca na capital do mundo da pesca  e a náutica, celebrando unha feira Expomar que supera os 5.000 metros de exposición e  que busca superar a cifra de negocio xerada por expositores e visitantes profesionais  durante a última feira, con máis de 300 marcas comerciais que presentan aquí as súas  principais novidades para o sector, como é o caso de Talleres Luis Piñeiro, que este  xoves ás 12.30 fai aquí a presentación para España do seu sistema patentado de  extinción de incendios para motores fueraborda.