Skip to main content
Barreiros

A candidata do PSOE á Alcaldía de Barreiros, Carmen Veiga, anunciou o seu gran proxecto

Por 15 Maio, 2023Sin comentarios

A candidata á Alcaldía de Barreiros, María Carmen Veiga Rodríguez, amosouse este domingo con “máis enerxía que nunca para seguir traballando por Barreiros” nun mitin que acolleu o Centro Sociocultural Díaz Sampedro, en San Cosme. Veiga, que neste mandato formou parte do Goberno municipal como segunda tenente de Alcaldesa e dirixindo a área de Servizos Sociais, estivo acompañada polo Senador por Lugo, César Mogo, e a Deputada no Parlamento de Galicia Patricia Otero, ademais de veciños e veciñas, militantes, simpatizantes e cargos orgánicos e institucionais do partido na comarca da Mariña.

Veiga confesou que se presenta de novo á Alcaldía porque “penso que o que iniciamos fai 4 anos ten moito percorrido aínda por facer e teño moita ilusión por chegar a acadar proxectos e melloras que aínda conseguín”. “Axudádeme, vide comigo, acompañádeme no camiño de facer un Barreiros máis grande e máis importante para todas as persoas”, apelou nas súas palabras.

Durante a súa intervención, o Senador César Mogo subliñou que os socialistas “temos un capital de responsabilidade indudable”. “Traballamos lealmente polos cidadáns onde estes nos colocan, e estes últimos catro anos o comportamento de Carmen Veiga en Barreiros foi dunha lealdade intachable. Lealdade cos veciños traballando duro dende o equipo de Goberno polo mellor para Barreiros, e teño a seguridade de que os veciños do concello valoran este comportamento e premiarano o 28 de maio”, asegurou.

A candidata anunciou que o seu gran proxecto será lograr que Barreiros conte cunha residencia de atención a persoas maiores e un centro de día. “Son dúas dotacións públicas principais das que actualmente carecemos e que considero vitais para non afastar á nosa xente do lugar no que viviu toda a vida”. Nese sentido, concretou que non quere “unha residencia grande, senón unha residencia pequena e familiar, de calidade, cunha ratio importante de persoal/usuario e onde se poña no centro ás persoas”. “Heina acadar, téñoo claro, sigo loitando para que os meus veciños e veciñas teñan as atencións que merecen logo de toda unha vida de traballo e esforzos”, afirmou.

Así mesmo, outro dos seus compromisos pasa por seguir loitando por unha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) para San Miguel de Reinante: “a Xunta non colabora pero para Barreiros é un obxectivo fundamental” porque está nunha zona que conta con 5 proteccións medioambientais, está unha das praias máis importantes do municipio e porque “non se entende que nos tempos que estamos non contemos cunha depuradora nesta zona”. “Hei acadala, ben me coñecedes, son teimuda e traballadora e non me rindo”, manifestou.

Tamén contempla seguir mellorando a rede viaria municipal e a creación dun carril bici que conecte os núcleos de poboación coas praias, entre outras propostas.

Avances no SAF

Veiga lembrou os avances en materia social que logrou Barreiros dende a súa chegada ao Goberno, amosándose contenta co que feito, pero “queda moito por facer e só o podemos facer dende a Alcaldía. Prometo seguir con forza e con ánimo”. Entre os principais fitos acadados, está a mellora substancial no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), tanto para as persoas que reciben as atencións e os coidados, como para o cadro de persoal que traballa neste servizo municipal. A respecto disto, puxo o foco en que se melloraron as condicións laborais cunha mellor cotización, mellores salarios, unhas quendas de traballo dignas para que todas as persoas puidesen librar todas as semanas e unha redistribución do servizo para ser o máis eficientes posible.

Así mesmo, a candidata socialista de Barreiros sinalou os importantes acordos aos que chegou o Concello grazas á súa xestión para impartir formacións, xornadas, charlas ou cursos. É o caso, por exemplo, da participación coa Asociación Española Contra o Cancro, Cruz Vermella, Once Inserta Emprego, a Fundación Barrié de la Maza, Cogami, Cáritas, Afaga ou Alar Galicia. “Tecemos unha rede importante para poder atender os problemas sociais que se presentan en Barreiros, dándolle respostas ás necesidades que estaban sen atender dende había anos”.

Apoio da Deputación de Lugo e do Goberno de Pedro Sánchez

Nesta liña, reivindicou o investimento da Deputación de Lugo ao longo destes últimos catro anos, “xa que supuxo unha inxección económica para a veciñanza de Barreiros de máis de 2,5 millóns de euros” para a dotación e mellora de servizos públicos, equipamentos e vías municipais e provinciais, e para a colaboración co tecido asociativo veciñal, cultural e deportivo, ademais da promoción do territorio a través do turismo. “Sabemos gobernar e facémolo con responsabilidade, e atendendo sempre as prioridades da vila”, remarcou.

Carmen Veiga avanzou a súa vontade de “poñer en valor” os recursos patrimoniais de Barreiros, como por exemplo o monumento megalítico da Roda, “que conta co compromiso de investimento do Goberno de Pedro Sánchez”, ou o sistema dunar das praias de Coto-Valea, e a de Arealonga, “onde hai unha previsión económica de máis de 800.000 euros”. Destacou así mesmo a construción dun novo apeadeiro de FEVE, nunha nova ubicación máis céntrica e accesible.

“Eu son Barreiros e Barreiros son eu” 

Carmen Veiga confesa que, malia a ter vivido noutras cidades de España, Barreiros sempre estivo no seu corazón e é o lugar ao que sempre volveu. “Eu son Barreiros e Barreiros son eu, e vós, os e as barreirenses sodes unha parte da miña vida que é imposible borrar”.

Un sentimento que tamén comparte o seu equipo. Veiga preséntase á Alcaldía cun equipo que cualificou como “serio, traballador, responsable, comprometido e, case o máis importante, un equipo con futuro”, afirmou.

Candidatura socialista de Barreiros

  • 1- María Carmen Veiga Rodríguez
  • 2- Juan Bautista Cortiñas Pedreira
  • 3- Jorge David Vázquez Grande
  • 4- Benito Longarela Geada
  • 5- María Jesús Jover- Peralta Panel
  • 6- Felipe Fernández Recalde
  • 7- Silvia Otero Moirón
  • 8- María de la Luz Rodríguez Rico
  • 9- Adrián Longarela Otero
  • 10- José Antonio Otero Ramos
  • 11- María Rosario Pardo Suárez

Suplentes: José Terrón Cantil; Miguel Ángel Barrera Longarela; e María Ángeles Moirón Otero.